- Este domingo, a Igrexa de Santiago de Compostela celebrou a apertura do Ano Xubilar, coincidindo coa festa da Sagrada Familia.
- O arcebispo de Santiago, Mons. Francisco Prieto Fernández, presidiu a solemne ceimonia que se iniciou cunha peregrinación desde a igrexa de San Francisco ata a Catedral.
O Papa Francisco, que abriu o Ano Xubilar 2025 na tarde deste 24 de decembro, dispuxo que no resto de Dioceses do mundo se faga o 29 de decembro, como signo de comuñón con Roma. No caso da Arquidiocese de Santiago de Compostela, a Catedral acolleu a cerimonia litúrxica de apertura do Xubileu. «Peregrinos de Esperanza» é o lema elixido para a ocasión, xa que, tal e como indica o Papa na carta para o Xubileu 2025, “debemos manter acendida a chama da esperanza que nos foi dada, e facer todo o posible para que cada un recupere a forza e a certeza de mirar ao futuro con mente aberta, corazón confiado e amplitude de miras. O próximo Xubileu pode axudar moito a restablecer un clima de esperanza e confianza, como signo dun novo renacemento que todos percibimos como urxente”.

A celebración, que empezou ás 16:30hs na igrexa conventual de San Francisco, estivo presidida polo Arcebispo de Santiago, Mons. Francisco Prieto, e realizáronse os primeiros ritos, baixo o nome de «Collectio». A continuación, partiu a procesión litúrxica ata a praza do Obradoiro, para acceder á Catedral atravesando o Pórtico da Gloria.

Unha vez no interior da Catedral, tivo lugar a Misa Solemne, tamén presidida polo Arcebispo Mons. Francisco Prieto, coa participación do cardeal arcebispo emérito de Buenos Aires, mons. Mario Aurelio Poli; o arcebispo emérito de Santiago de Compostela, mons. Julián Barrio; o arcebispo emérito de Tánxer, mons. Santiago Agrelo Martínez; así como do Vigairo Xeral, do Vigairo de Pastoral, dos Vigairos territoriais, reitores e formadores dos Seminarios Maior e Menor, arciprestes, sacerdotes, membros do Cabildo catedralicio, diáconos, membros da Vida Consagrada e laicos de toda a Diocese.
Na homilía, o arcebispo destacou que a esperanza ten un único nome, Cristo o Señor, e convidou aos diocesanos a reflexionar sobre as razóns para manter a esperanza, mesmo en tempos difíciles: “Podemos seguir albergando esperanza no corazón de cada un de nós, no corazón das nosas familias, das nosas comunidades, no corazón desta humanidade”.

O Xubileu é o Ano Santo que o Papa convoca periodicamente desde 1.300 e que converte a Roma en destino para millóns de peregrinos procedentes de todas as partes do mundo. O intervalo entre os Xubileus cambiou varias veces ao longo da historia, pero actualmente é de 25 anos.
Decreto coas disposicións diocesanas
O pasado 27 de decembro, o Arcebispo de Santiago de Compostela publicou un Decreto coas disposicións diocesanas para o Xubileu 2025. Neste documento recóllense entre outros aspectos, os templos designados como xubilares, incluíndo a Catedral de Santiago: un templo en cada arciprestado durante a súa “semana xubilar” e os santuarios marianos de Nª Señora da Barca en Muxía, Nª Señora dos Milagros de Amil en Moraña, e Nª. Señora de Pastoriza en Arteixo.
Ademais, preséntanse varias iniciativas diocesanas para o Xubileu: peregrinacións a templos designados, catequeses para explicar o significado do Xubileu acompañadas de iniciativas culturais que resalten os aspectos importantes do Ano Santo, realización de obras de caridade e solidariedade dispoñibilidade dos sacerdotes para facilitar o acceso ao sacramento da Reconciliación etc.
A Arquidiocese organizará unha peregrinación a Roma do 24 ao 29 de agosto, onde os participantes terán a oportunidade de cruzar a Porta Santa nas Basílicas papais, simbolizando un paso cara á reconciliación e a renovación espiritual.
Ademais, ao longo do Ano Xubilar, promoverase a participación en eventos específicos como o Xubileu da Mocidade, o Xubileu dos Catequistas e o Xubileu das Familias, cada un destacando diferentes facetas da vida de fe e comunidade.
O Ano Xubilar concluirá o 28 de decembro de 2025 cunha solemne celebración eucarística na Catedral de Santiago, dando grazas por todo o recibido durante o ano de oración e conversión.














