Cáritas Diocesana vive O NadaL promovendo unha solidaridade que cambia vidas

Cáritas Diocesana de Santiago celebrou o Nadal cunha eucaristía na que participaron os traballadores, voluntariado e equipo directivo da entidade. Tamén acudiron os usuarios de CASC Vieiro. A celebración tivo lugar na igrexa de San Froitoso de Santiago e estivo presidida polo arcebispo compostelán, monseñor Francisco José Prieto Fernández, acompañado polo delegado episcopal de Cáritas, Santiago Fernández González.
A eucaristía converteuse nun espazo de encontro, agradecemento e reflexión compartida ao redor da misión de Cáritas, nun tempo especialmente significativo, ás portas do Nadal e ao peche do ano xubilar. A familia de Cáritas quixo poñer o acento na solidariedade, a xustiza social e a defensa da dignidade de cada persoa, valores que inspiran a súa acción diaria en parroquias e proxectos de toda a diocese.

A directora de Cáritas Diocesana, Pilar Farjas Abadía, subliñou o sentido profundo do compromiso da entidade, afastándoo dun mero activismo. Lembrou que a acción de Cáritas busca transformar a realidade desde a xustiza e a dignidade humana. Agradeceu o camiño percorrido ao longo do ano xubilar, que definiu como un tempo de “ilusión e de recuperación da esperanza”, e avanzou algúns dos retos do próximo ano, entre eles a presentación do informe FOESSA Galicia 2025, que terá lugar a finais de xaneiro, como ferramenta para comprender mellor a realidade social e orientar os esforzos da entidade.

Farjas puxo un especial acento no valor do voluntariado e de todas as persoas que fan posible o labor de Cáritas no día a día, convidando á comunidade para vivir o Nadal desde o agradecemento e a confianza. Neste sentido, animou a pedir para o novo ano “luz, alegría, paz e xustiza”.

A homilía do arcebispo de Santiago estivo marcada por unha reflexión profunda sobre o Advento e o sentido cristián da historia, enlazando o Evanxeo do día coa misión concreta de Cáritas. Monseñor Prieto lembrou que a xenealoxía de Xesús fala dunha historia real, feita de luces e sombras, de grandezas e miserias, na que Deus non permanece como un espectador distante, senón que acompaña o seu pobo. Nese marco, situou o labor de Cáritas como unha prolongación desa historia de salvación no presente.

O arcebispo destacou que a acción de Cáritas concrétase en nomes e rostros, en historias persoais de fraxilidade e esperanza, e sinalou que quen acolle, escoitan e acompañan están “a trazar unha xenealoxía do amor de Deus”. Subliñou que Cáritas está chamada a ser presenza samaritana nos camiños de hoxe, para que ninguén quede á marxe da súa dignidade nin da vida, lembrando que o compromiso nace non só do esforzo humano, senón da confianza en Deus que camiña co seu pobo.

A celebración concluíu cunha mirada posta en Belén, no Deus que se fai pequeno e próximo, e cun renovado envío a continuar a tarefa de Cáritas como signo de misericordia e esperanza no medio da sociedade. A eucaristía deixou así unha mensaxe clara: o Nadal de Cáritas é, ante todo, unha invitación para seguir construíndo, día a día, unha historia de amor e xustiza á beira de quen máis o necesitan.

Previous articleA esperanza do Nadal entra no Centro Penitenciario de Teixeiro
Next articleCelebracións de Nadal na Catedral