"A santidade é un camiño de normalidade, de sinxeleza, de cotianidade"

Hoxe, 15 de outubro, festa de Santa Tareixa de Xesús, o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto Fernández, presidiu pola tarde a Santa Misa no Mosteiro de Carmelitas descalzas da Coruña.

Nunha emotiva homilía, Mons. Francisco Prieto, destacou a proximidade e naturalidade de Santa Tareixa de Xesús. Subliñou como a súa transformación espiritual a levou a un encontro profundo con Deus: “Podemos dicir que Deus a espertou como dun pesadelo e lle regalou un soño, que fixo seu contra vento e marea. E por iso dise dela e con razón a andareira de Deus (…) porque nela se produciu un camiñar, un camiñar interior, un camiñar no que o don de Deus descuberto vai aos poucos, permeando, penetrando a súa vida”, afirmou.

O arcebispo resaltou a importancia do camiño interior e a necesidade de silencio e escoita na vida espiritual: “É ese camiño de vida interior, no que Santa Tareixa vai mostrándose e vai descubrindo ese don inesgotable que Deus lle ofrece,” sinalou. “A interioridade ten unha expresión despois na exterioridade, na expresión de que cando o don de Deus habita en nós, ese don de Deus tamén o facemos e o facemos noso para dalo e entregalo”.

O arcebispo instou á Comunidade Carmelita a seguir o exemplo de Santa Tareixa e a vivir a fe con naturalidade e sinxeleza: “Santa Tareixa quería naturalidade, porque o camiño da santidade é un camiño de normalidade, de sinxeleza, de cotianidade” subliñou.

Finalmente, alentou as Carmelitas de Eirís na Coruña a continuar sendo unha presenza contemplativa e gozosa, reflectindo a vida de Deus nas súas accións e oracións: “Que sigades sendo presenza contemplativa, orante, gozosa e alegre, esa presenza natural e transparente da vida de Deus en vós,” concluíu o arcebispo.

Previous articleXornada Diocesana de Santuarios e Piedade Popular
Next articleO arcebispo de Santiago visita o EVA-10