Os seminaristas e o equipo de formadores do Seminario Interdiocesano Apóstolo Santiago realizaron, xunto co arcebispo de Santiago de Compostela, o bispo de Mondoñedo-Ferrol e o bispo de Tui-Vigo, unha peregrinación a Fátima nesta primeira semana de Pascua.
Iniciaron a peregrinación o pasado mércores 8 de abril cunha parada en Guimaraes, para a continuación celebrar a eucaristía, presidida por Mons. Fernando García Cadiñanos, en São Miguel do Couto, onde foi bautizado santo Rosendo, patrón da Diocese de Mondoñedo-Ferrol e figura clave da Igrexa galega no século X.
Pola tarde foron recibidos en Porto por Mons. Vitorino Soares, Bispo auxiliar do Porto, e o sacerdote Joaquim Ribeiro Guedes, ecónomo diocesano. Ambos, enormemente hospitalarios, acompañáronos durante a visita á Catedral e ao Palacio Episcopal.
O xoves pola mañá partiron cara a Coimbra, a cidade universitaria por antonomasia en Portugal, antes de chegar ao mediodía ao santuario de Fátima. Pola tarde o arcebispo de Santiago presidiu a eucaristía para o grupo español que se celebra todos os días ás sete e cuarto da tarde. Na noite participaron todos no rosario e a adoración eucarística.
Este venres regresaron cunha parada na cidade de Braga, onde tras unha visita á súa Catedral e museo, foron recibidos polo arcebispo, Mons. José María García Cordeiro, o bispo auxiliar Mons. Nélio Pereira, o reitor do Seminario, o cóengo Vítor José Novais e o resto do equipo formativo. Despois de celebrar a eucaristía, presidida polo Bispo de Tui-Vigo na famosa capela Árvore dá Vida, houbo unha comida de confraternización onde se intercambiaron experiencias formativas en ambos os seminarios. Antes de regresar para Santiago fíxose unha visita ao santuario do Bom Jesus onde foron recibidos polo seu reitor, o padre Joâo Paulo Alves.













