Santiago acolleu o XVII encontro do voluntariado de Cáritas en Galicia no que cerca de 400 persoas reflexionaron sobre os desafíos sociais da pobreza

Preto de 400 persoas voluntarias das Cáritas diocesanas de Galicia reuníronse este sábado no colexio La Salle de Santiago de Compostela para participar no XVII Encontro do Voluntariado, unha xornada de reflexión, convivencia e compromiso centrada nos principais desafíos sociais da comunidade autónoma.
O encontro, organizado polas Cáritas galegas baixo o lema “O Informe FOESSA: retos para o voluntariado”, permitiu profundar na realidade social de Galicia a partir dos datos que ofrece este estudo de referencia, que analiza os procesos de exclusión e vulnerabilidade na sociedade.

Una lectura compartida da realidade social

Un dos momentos centrais da xornada foi a intervención de Juan Antonio Garrido, médico internista, especialista en bioética e voluntario de Cáritas, quen ofreceu unha visión global do Informe FOESSA e da “fotografía social” que debuxa en Galicia, poñendo de relevo os principais retos que afectan as persoas e familias en situación de vulnerabilidade.

A súa intervención permitiu situar o marco de análise do encontro e achegar claves para comprender a evolución da exclusión social na comunidade, nun contexto no que Cáritas acompaña cada ano a preto de 90.000 persoas en Galicia, reflexo da magnitude das situacións de fraxilidade social existentes.

Segundo os datos que recolle o último Informe FOESSA en Galicia 2025, a vivenda consolídase como un dos principais factores de exclusión social na comunidade, cun impacto crecente na estabilidade dos fogares. Actualmente, un de cada catro presenta dificultades vinculadas ao acceso ou mantemento da vivenda, mentres que máis de 78.000 fogares destinan un esforzo económico desproporcionado que os sitúa en escenarios de pobreza severa tras afrontar alugueiro ou hipoteca.

A esta realidade súmanse ao redor de 160.000 persoas en situación de vivenda insegura e preto de 170.000 que residen en condicións inadecuadas, como aglomeración ou deficiencias graves de habitabilidade. Este contexto viuse agravado nos últimos anos polo incremento sostido dos prezos (un 21% en vivenda e un 28% en alugueiro desde 2018), en contraste coa evolución dos ingresos, o que está a limitar de forma crecente as posibilidades de integración social e autonomía de moitas persoas.

Vivenda, emprego e protección social

A partir deste relatorio, a xornada articulouse ao redor de catro mesas de diálogo centradas en ámbitos crave da exclusión social. Nelas abordáronse as dificultades de acceso á vivenda, unha realidade que en Galicia afecta de forma directa por centos de persoas acompañadas por Cáritas (máis de 460 en programas específicos), e que se consolidou como un dos factores máis determinantes de exclusión.

No ámbito do emprego, púxose o acento nos procesos de inserción sociolaboral, un eixo clave da acción de Cáritas, permite acompañar a máis de 5.100 persoas ao ano, formar a máis de 4.000 e facilitar o acceso ao mercado laboral a máis dun milleiro. Estes datos evidencian tanto as dificultades de acceso ao emprego como a importancia dos itinerarios personalizados.

A reflexión sobre as rendas mínimas e a protección social enmarcouse tamén nunha intervención máis ampla que alcanza a miles de persoas a través de programas de acollida e asistencia (máis de 25.000 atendidas directamente), así como en ámbitos como persoas sen fogar, maiores, migrantes ou muller, onde Cáritas desenvolve unha acción integral.

As mesas combinaron a análise técnica con testemuños en primeira persoa e a experiencia dos equipos de Cáritas, permitindo visibilizar tanto as dificultades que afrontan moitas persoas como as respostas que se están desenvolvendo desde a acción social.

O valor do voluntariado

O encontro volveu evidenciar a importancia do voluntariado como base da acción de Cáritas e como expresión do compromiso da comunidade cristiá coas persoas máis vulnerables. En Galicia, este labor articúlase a través de 5 Cáritas diocesanas e unha ampla rede de 468 Cáritas parroquiais, con presenza en 141 concellos e 571 puntos de atención.

Esta estrutura permite soster unha intervención próxima e continuada grazas ao compromiso de máis de 4.500 persoas voluntarias, que constitúen o piar fundamental da acción da entidade e fan posible o acompañamento a quen máis o necesitan.

Espazos como este encontro permiten compartir experiencias, fortalecer o traballo en rede e renovar a mirada sobre os retos sociais actuais.

A xornada concluíu coa celebración da eucaristía na Catedral de Santiago, como expresión do compromiso compartido e da dimensión comunitaria da acción de Cáritas.

Previous articleA familia do Seminario Maior Interdiocesano Apóstolo Santiago peregrina a Fátima
Next articleTraslado do Santísimo Cristo da Paciencia de Conxo