A Delegación de Pastoral Penal da Arquidiocese de Santiago de Compostela celebrou este xoves, no Seminario Menor, a súa reunión de programación anual, na que participaron un total de 25 persoas voluntarias. O encontro deu comezo ás 18:00 horas e finalizou compartindo unha cea fraterna cos seminaristas.
Durante a reunión, cada voluntario presentou os programas nos que está implicado, tanto dentro de prisión como fóra dela, nos pisos de acollida e outros centros.
Acción dentro do centro penal de Teixeiro
Na prisión de Teixeiro, a Pastoral Penal desenvolve un amplo labor nos ámbitos relixioso, xurídico e social. Entre os programas atópanse:
Asistencia relixiosa e acompañamento espiritual.
Atención xurídica, con especial dedicación a persoas migrantes.
Formación e alfabetización en programas sociais.
Atención sanitaria, prestada por oftalmólogos e dentistas voluntarios.
Talleres culturais, como o proxecto Humanizar a biblioteca, cinema-fórum, teatro e outras actividades.
Acompañamento e escoita, sempre desde a proximidade e a dignidade da persoa.
Saídas terapéuticas, entre elas o Camiño de Santiago, que este curso está programado entre os días 1 e 4 de outubro.
Acción fóra de prisión
O labor da Delegación esténdese tamén máis aló dos muros. Cáritas Diocesana dispón de catro pisos de acollida, nos que se acompaña a persoas que saen en liberdade sen recursos nin apoio familiar, así como a quen goza de permisos en segundo ou terceiro grao.
Ademais, realízanse programas no Centro de Inserción Social Carmen Arias, coa participación de voluntariado novo, e no Centro de Menores Concepción Arenal, onde se fai un labor de acompañamento e escoita.
Outro ámbito fundamental é a sensibilización social, achegando á sociedade a realidade penal e fomentando unha mirada máis humana e evanxélica cara ás persoas privadas de liberdade. Destacamos neste ano xubilar a visita cada mes a distintas parroquias da diocese co testemuño de persoas privadas de liberdade que foi acollido polas comunidades dunha maneira moi especial.
Encontros de formación e coordinación e outras celebracións
Ademais de todas estas actividades programadas, ao longo do curso haberá encontros de formación específicos para o voluntariado, entre eles as XXII Xornadas Interdiocesanas que serán o 7 de marzo de 2026, así como algún retiro e celebración de tempos fortes como Nadal ou Semana Santa.
Este encontro foi un espazo de comuñón, de posta en común de experiencias e de impulso á misión de la Iglesia no ámbito penal, lembrando as palabras de Jesús: “Estiven no cárcere e viñestes verme” (Mt 25, 36).












