Os días 13 e 14 de marzo a Igrexa celebrará, por iniciativa da Santa Sé, as «24 horas para o Señor». Con motivo desta xornada, a Arquidiocese de Santiago de Compostela convida os fieis a que este ano sexa tamén unha oportunidade para unirse en oración pola paz. Así, respóndese á petición do papa León XIV, quen na súa intención de oración para o mes de marzo anima a rezar «polo desarmamento e a paz».
O arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto Fernández, convida a todos os diocesanos a que as «24 Horas para o Señor», sexan «esas 24 horas da vosa vida ante o Señor e co Señor»
«24 horas para o Señor» é unha iniciativa coresmal de oración e reconciliación promovida polo papa Francisco. Celébrase cada ano nas vésperas do cuarto domingo de Coresma co propósito de situar no centro da vida pastoral de la Igrexa o sacramento da reconciliación.
Oración del papa León XIV
No nome do Pai, e do Fillo, e do Espírito Santo. Amén.
Señor da Vida, que moldeaches a cada ser humano á túa imaxe e semellanza, cremos que nos creaches para a comuñón, non para a guerra, para a fraternidade, non para a destrución.
Ti que saudaches aos teus discípulos dicindo: «A paz estea convosco», concédenos o don da túa paz e a fortaleza para facela realidade na historia. Hoxe elevamos a nosa súplica pola paz no mundo, rogando que as nacións renuncien ás armas e elixan o camiño do diálogo e a diplomacia.
Desarma os nosos corazóns do odio, o rancor e a indiferenza, para que poidamos ser instrumentos de reconciliación. Axúdanos a comprender que a verdadeira seguridade non nace do control que alimenta o medo, senón da confianza, a xustiza e a solidariedade entre os pobos.
Señor, ilumina aos líderes das nacións, para que teñan a valentía de abandonar proxectos de morte, deter a carreira armamentista, e poñer no centro a vida dos máis vulnerables.
Que nunca máis a ameaza nuclear condicione o futuro da humanidade. Espírito Santo, fai de nós construtores fieis e creativos de paz cotiá: no noso corazón, as nosas familias, as nosas comunidades e as nosas cidades.
Que cada palabra amable, cada xesto de reconciliación e cada decisión de diálogo sexan sementes dun mundo novo. Amén.












