O arcebispo de Santiago prosegue esta semana os seus encontros con sacerdotes en Montes, Postmarcos, Eume e Soneira-Nemancos

O arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto Fernández, continúa durante este tempo de Coresma coa súa rolda de encontros cos sacerdotes dos distintos arciprestados da Arquidiocese de Santiago de Compostela. Estas xornadas buscan favorecer o diálogo directo, a escoita e a reflexión conxunta sobre a realidade pastoral de cada territorio.

No marco deste itinerario de visitas, o arcebispo estivo onte cos sacerdotes do Arciprestado de Montes e hoxe mantivo o encontro correspondente ao Arciprestado de Postmarcos. A axenda continuará mañá coa reunión no Arciprestado de Eume e o xoves cos sacerdotes do Arciprestado de Soneira-Nemancos.

Cada unha destas xornadas articúlase en tres momentos principais. En primeiro lugar, o arcebispo dedica un tempo prioritario á escoita directa dos sacerdotes, interesándose pola súa situación persoal, as súas inquietudes pastorais e a vivencia da fraternidade sacerdotal e do sentido de pertenza ao presbiterio diocesano.

Nun segundo momento, os encontros abordan a recepción do Plan Pastoral 2026-2029 da diocese, presentado baixo o lema bíblico «Saíu o sementador a sementar a súa semente». Así mesmo, dialógase sobre o documento final do Sínodo dos Bispos sobre a sinodalidade e sobre a posibilidade de constituír consellos de pastoral nos distintos arciprestados, como instrumento para impulsar a corresponsabilidade e a acción evanxelizadora.

Finalmente, a reunión céntrase na realidade concreta de cada arciprestado: a súa situación pastoral, as prioridades actuais e os principais desafíos que afrontan as comunidades parroquiais.

A partir desta análise compartida, búscase definir obxectivos comúns e accións concretas que poidan ser posteriormente avaliadas, de modo que estes encontros se convertan non só en espazos de reflexión, senón tamén de programación pastoral conxunta.

Previous article24 horas para o Señor» orando pola paz
Next articleToma de posesión dos membros do Patronato da Fundación Educativa Ultreia