XXI Xornadas de Teoloxía del ITC

O Instituto Teolóxico Compostelán acaba de pechar o programa das tradicionais Xornadas de Teoloxía que se desenvolven este ano do mércores 14 ao venres 16 de setembro, na semana previa ao comezo do curso escolar.

En sintonía co desexo do papa Francisco dunha Igrexa en saída, evanxelizadora sobre todo dos ámbitos de fronteira, as Xornadas, que cumpren xa 21 anos, levan por título xenérico “Novos camiños para a Fe no s. XXI: aos 50 anos do Ritual da Iniciación Cristiá de Adultos”.

Inaugurará as xornadas o arcebispo compostelán, mons. Julián Barrio Barrio. A primeira conferencia correrá a cargo do Subsecretario do Consello Pontificio da Cultura, Melchor Sánchez de Toca, que disertará sobre “O adro dos xentís; espazo para o diálogo fe-cultura e para o precatecumenado”. O mesmo relator ofrecerá pola tarde a comunicación “A praza do Obradoiro, adro dos xentís”.

A tarde do primeiro día concluirá con catro Seminarios Temáticos que se repetirán tamén no horario vespertino do xoves.

O segundo día abrirá o curso o Director do Instituto Superiore dei Scienze Religiose de Verona, Enzo Bienmmi, coa conferencia “O segundo anuncio: entre as pasaxes da vida e os limiares da fe”. A mañá completarase con senllas comunicacións do profesor do ITC Ricardo Sanjurjo sobre “Estrutura catecumenal das primeiras comunidades” e do profesor do Instituto Patrístico Agustiniano de Roma, Enrique A. Eguiarte Bendímez: “A teoloxía catecumenal en santo Ambrosio e santo Agostiño como paradigma patrístico”.

A tarde comezará coa conferencia “ Redescubrir a fe e iniciarse na posmodernidade e nunha sociedade líquida”, de Roland Lacroix, profesor do Institut Supérieur de Pastoral Catéchétique.

O venres comezará a xornada coa conferencia “A unidade da fe, bautismo e pertenza á Igrexa”, do bispo de Solsona, mons. Francisco Simón Conesa.

A comunicación correrá a cargo do profesor do ITC Alfonso Novo Cid Fuentes, que abordará “O sentido do exorcismo na práctica catecumenal”.

A última conferencia das Xornadas pronunciaraa o Subsecretario adxunto da Congregación da Doutrina da Fe, Armando Matteo: “Converter a Peter Pan. Iniciar os adultos na sociedade da eterna mocidade”.

Clausurará as Xornadas o Arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio Barrio.

 

Previous articleSolemnidade do Corpus Christi 2022
Next articleMons. Barrio pide aos periodistas católicos: "Obxectividade, pluralismo e liberdade"