Xubileu coas persoas privadas de liberdade na parroquia de Nosa Señora das Areas de Fisterra

O pasado 11 de setembro tivo lugar a 9.ª xornada do xubileu coas persoas privadas de liberdade, unha iniciativa que cada mes trasládase a distintas parroquias da diocese, creando un espazo de encontro, oración e reflexión ao redor da realidade penal. Nesta ocasión, a comunidade da nosa Señora das Areas de Fisterra acolleu o acto con afecto e fe compartida.

Na celebración xubilar interviñeron o capelán de Teixeiro, Juan González-Redondo; a delegada de pastoral penal, Yolanda Sánchez; a traballadora social de Cáritas Diocesana, Andrea Lago; e a voluntaria Loli Mantiñán, xunto a tres internos. Os seus testemuños, marcados pola sinceridade e a profundidade, deron conta da dureza da vida en prisión: a ausencia da familia, a privación de liberdade e a rutina imposta por normas estritas. Con todo, tamén se transmitiu a esperanza que nace dos camiños de mellora persoal, fe e superación.

Unha vez máis, a xornada permitiu achegar á parroquia unha realidade frecuentemente oculta: a dos cárceres. Alí viven persoas que, a pesar dos seus erros e limitacións, manteñen intacta a súa dignidade. Son homes e mulleres que, unha vez cumprida a súa condena, volverán convivir en sociedade. Por iso, lémbrase que as comunidades cristiás están chamadas a ser lugares de acollida, fraternidade e integración.

O capelán subliñou, ademais, que a maioría das persoas privadas de liberdade padecen adiccións ou enfermidades mentais, o que fai da prisión unha experiencia especialmente dura. Desde a pastoral penal insístese na necesidade de promover penas alternativas, réximes máis abertos e recursos terapéuticos que favorezan unha verdadeira reinserción social.

A xornada animou a seguir camiñando como Igrexa aberta, que non esquece aos máis vulnerables e recoñece en cada persoa, mesmo en quen se atopa en prisión, a presenza viva de Cristo.

A próxima cita celebrarase o 16 de outubro no Seminario Interdiocesano de Santiago, con motivo da 10.ª xornada do xubileu coas persoas privadas de liberdade.

Previous articleCáritas Diocesana de Santiago organiza unha xornada sobre violencias machistas baixo o lema “Acompañar tamén é denunciar”
Next articleA mocidade universitaria inaugura o curso nas capelas de Santiago e A Coruña