Cáritas Diocesana de Santiago celebrará o vindeiro xoves 18 de setembro, de 16:30 a 19:30 horas, na Sala Peregrino do Mosteiro de San Martiño Pinario, a xornada “Acompañar tamén é denunciar. Cáritas fronte ás violencias machistas”. A entrada é libre ata completar aforo.
O encontro enmárcase na exposición “Punto e seguimos. A vida pode máis”, que permanecerá aberta ata o 30 de setembro, e pretende poñer en valor o acompañamento que Cáritas ofrece ás mulleres en situación de violencia machista, así como a denuncia pública contra a prostitución e a trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
O acto contará coa participación do arcebispo de Santiago, Mons. Francisco José Prieto Fernández, e da directora diocesana, Pilar Farjas Abadía, na apertura institucional. Seguidamente, intervirá Lourdes Pazo García, coordinadora do Programa Vagalume.
O relatorio principal correrá a cargo de Mabel Cenizo Benito (Cáritas Guipúscoa), baixo o título “As violencias machistas desde o Pensamento Social da Igrexa”.
Posteriormente, presentarase o documento “Acompañando a mulleres en situación de violencias machistas: a mirada e a acción de Cáritas”, cun informe conxunto de Leticia Escutia (Cáritas Española) e Lorena Nieto (Programa Vagalume).
Previous articleO arcebispo de Santiago, mons. Francisco Prieto, reúnese co comité organizador do Seminario Igrexa - Empresarios
Next articleXubileu coas persoas privadas de liberdade na parroquia de Nosa Señora das Areas de Fisterra