Xornada de Formación do voluntariado de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela

 

 

  • Mons. Francisco Prieto: “O voluntariado é o rostro de Cáritas”

Os voluntarios constitúen o piar básico e insustituíble da entidade

O arcebispo, monseñor Francisco José Prieto Fernández, presidiu a Xornada de Formación dos voluntarios  de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. Na súa intervención o prelado lembrou que “o voluntariado é o rostro de Cáritas e desenvolve a súa misión  acollendo e acompañando as persoas necesitadas”. Ao  encontro, celebrado en dependencias do colexio La Salle, acudiron preto de tres  centenares de axentes procedentes de toda a diocese que compartiron un espazo de formación e debateron aspectos de máxima actualidade para  o  acompañamento, así  como temas legais e máis operativos do voluntariado e os códigos de conduta e ético. A Xornada serviu para abordar experiencias e testemuños, coñecer distintas realidades do voluntariado en Cáritas, e falar dun espazo de unidade  diocesana.

Na súa intervención monseñor Prieto insistiu en que   “o corazón de Cáritas  palpita e achégase outros corazóns feridos que necesitan da nosa axuda”.

Pola súa banda Pilar Farjas, directora de Cáritas Diocesana  lembrou  aos axentes que é fundamental traballar xuntos  para ter coñecemento  “do que somos e como nos organizamos”. Insistiu tamén en que os voluntarios son o eixo fundamental de Cáritas que “traballan na acollida das persoas”

Voluntarios

En Cáritas as persoas voluntarias constitúen o piar básico e insubstituíble da súa acción, “é a realización do compromiso comunitario, fraterno, solidario e cos últimos. Trátase dunha experiencia humana que se realiza na xustiza e transcéndese na caridade”. Nestes termos expresáronse Santiago Fernández e Jorge Piñeiro do departamento de Animación Comunitaria.

O voluntario é unha persoa que, de forma libre, opta por dedicar parte do seu tempo, de maneira altruísta, solidaria e responsable, traballando en equipo para crear un mundo máis xusto.

Considera a persoa como centro da acción social, “defendemos a súa dignidade, recoñecemos as súas capacidades, impulsamos as súas potencialidades e promovemos a súa integración e desenvolvemento”. Soidade non desexada

Os integrantes da comisión diocesana de Soidade non Desexada, Íñigo Arranz e Patricia Camiña referíronse a  esta como “a percepción das relacións interpersoais que mantemos son insuficientes ou non son da calidade ou intensidade que desexariamos”.

Os grupos de traballo, en total 16, reflexionaron sobre a soidade non desexada, os seus efectos e como dar resposta desde as Cáritas parroquiais. Fixérono profundando en aspectos relacionados  con a  detención, prevención, sensibilización e intervención.

Estatutos

Rubén Iglesias secretario da comisión redactora dos Estatutos, foi o encargado de presentalos mencionando que constan de 63 artigos e XI capítulos, e na súa redacción buscouse simplificar as actividades, o voluntariado, o traballo das Cáritas e a configuración do fondo dentro da Comunicación Cristiá de Bens.

No texto reflíctense principios fundamentais como son  identidade, misión e compromiso coa acción caritativa e pastoral no ámbito diocesano.

Cítanse aspectos relacionados coa  solidariedade, independencia, transparencia e rendición de contas, e a sustentabilidade social, económica e medio ambiental As funcións enmárcanse como accións asistenciais e sociais, de sensibilización, e análise e denuncia  das situacións de inxustiza social.

Igualdad de oportunidades

Tatiana Conde, coordinadora da Comisión de seguimento do Plan de Igualdade de Cáritas, encargouse de presentar esta norma da que dixo que era un documento fundamental, de  xustiza, aberto e participativo.

Sinalou como obxectivos os de  dispoñer dunha entidade equilibrada entre homes e mulleres, unha formación baseada na igualdade e un ambiente de traballo sen acoso.

Normas económicas

As normas económicas financeiras foron expostas por María Tojo, coordinadora do departamento de  Recursos Económicos. Sinalou que só poderán realizar operacións bancarias as persoas con autorización expresa. Que estas se refiren a apertura e xestión de contas correntes, cadernos de aforro e IPF.

Para a disposición de fondos será necesario sempre a firma conxunta de dúas persoas das autorizadas na conta.

Todos os cambios nas contas serán comunicados a través dun documento asinado polo representante de Cáritas.

Aconséllase ter unha única conta e revisar  estas, e se non teñen movemento ao longo do ano, recoméndase a súa cancelación.

Finalmente indicou que sempre que sexa posible realizaranse as operacións de cobranzas ou pago a través da entidade bancaria e non en efectivo.

Eucaristía

O arcebispo, monseñor Prieto Fernández acompañado de consiliarios, presidiu unha Eucaristía no templo dos Carmelitas. Na súa homilía lembrou que as Cáritas son un mosaico de vida e  de axuda aos demais.

Para o prelado a misión do voluntario está relacionada coa caridade. Considera que cada acompañamento escríbese desde a atención aos que máis o necesitan.

Manual de estilo

No transcurso da xornada de traballo foi presentado o manual de estilo e código de conduta do voluntario editado por Cáritas  Diocesana de Santiago de Compostela no que entre outras cuestións sinálase  que un voluntariado comprometido é o que cre no cambio social cara a unha sociedade máis xusta e achega á sociedade non só desde as tarefas realizadas, senón tamén desde as actitudes expresadas.
Previous articleMons. Francisco Prieto: "Os catequistas sodes un piar fundamental na vida da nosa Igrexa"
Next articleA Diocese de Santiago de Compostela participa nas XLV Xornadas de Apostolado Segrar en Madrid