O Consello de Cáritas Diocesana de Santiago aproba as bases do novo Plan Estratéxico 2026-2029 e reforza a súa aposta pola inclusión social

O último Consello de Cáritas Diocesana de Santiago analizou os principais retos sociais e organizativos da entidade, avanzando na definición das prioridades que orientarán a súa acción nos próximos anos.
Presido polo arcebispo de Santigo, Francisco José Prieto Fernández, o órgano tratou entre os asuntos máis salientables, a presentación do novo Plan Estratéxico, que sitúa entre as súas principais prioridades a atención ás necesidades básicas, a loita contra a soidade non desexada, o acceso á vivenda, o acompañamento en saúde mental, a promoción do emprego, o fortalecemento do voluntariado e a mellora da coordinación e sustentabilidade da organización.
O Consello tamén coñeceu o informe económico semestral, que reflicte o importante esforzo realizado para atender as persoas e familias en situación de vulnerabilidade, especialmente en áreas como as necesidades básicas e o acceso á vivenda. Así mesmo, destacouse a evolución positiva das achegas de socios e colectas, xunto coa necesidade de seguir reforzando a captación de recursos para garantir a sustentabilidade da acción social.
Outro dos puntos relevantes foi a aprobación das liñas de fortalecemento da Fundación CADISAN, concibida como unha ferramenta complementaria para impulsar proxectos de inserción laboral, formación, economía social e innovación social. Esta aposta permitirá ampliar as oportunidades e desenvolver novas iniciativas dirixidas ás persoas en situación ou risco de exclusión.

Durante a reunión, tributouse unha cariñosa homenaxe a Iñigo Arranz e Javier García en agradecemento pola súa entrega, dedicación e compromiso durante os últimos anos como directivos da entidade. O recoñecemento puxo en valor a súa contribución ao fortalecemento da acción social de Cáritas e o seu servizo xeneroso ás persoas máis vulnerables.
Así mesmo, o Consello tomou coñecemento do nomeamento de Antonio Rodríguez González como novo consiliario de Cáritas Interparroquial da Coruña, unha responsabilidade que asume co obxectivo de seguir impulsando a misión da institución na cidade herculina e da incoporación de Manuel Aguilar como vogal de acción social no equipo directivo de Cáritas Diocesana, que se enmarca no proceso de fortalecemento institucional que Cáritas vén desenvolvendo para mellorar a coordinación, a planificación e a sustentabilidade da súa acción social en todo o territorio diocesano.
Con motivo de ambos os acontecementos, a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, expresou “o noso máis sincero agradecemento a Iñigo Arranz e Javier García por tantos anos de compromiso, traballo e entrega ao servizo de Cáritas. A súa dedicación deixou unha valiosa pegada na nosa organización e nas persoas ás que acompañamos. Do mesmo xeito, queremos dar a benvida a Antonio Rodríguez González e a Manuel Aguilar nesta nova etapa, desexándolle acerto e fortaleza nunha tarefa tan importante para a vida de Cáritas e de la Iglesia. Estamos convencidos de que estas incorporacións contribuirán a seguir fortalecendo a nosa misión de servizo e proximidade a quen máis o necesitan”.
Con estes acordos, Cáritas Diocesana de Santiago reafirma o seu compromiso coas persoas máis vulnerables e continúa avanzando na construción de respostas máis eficaces e sostibles ante os desafíos sociais presentes e futuros.

 

Previous articleI Encontro Interdiocesano de Santos Misioneiros Galegos
Next articleO arcebispo publica a carta pastoral “Unidos en Cristo, chamados e enviados” polo Centenario do Domund