Unha aposta educativa renovada. Seminarios Menores de Santiago e de Lugo

A nosa sociedade experimentou nos últimos anos grandes transformacións, e especialmente no ámbito do ensino, como mostran por exemplo os constantes cambios lexislativos, ata a recente aprobación da LOMLOE. Todos percibimos a urxencia dunha aposta educativa renovada.

O Papa Francisco, moi consciente dos desafíos que se presentan á educación nestes momentos, pediu expresamente a adhesión a un Pacto Educativo Global, a comprometerse “con valentía para dar vida, nos nosos países de orixe, a un proxecto educativo, investindo nosas mellores enerxías e iniciando procesos creativos e transformadores en colaboración coa sociedade civil”.

Esta era xa a tradición da que proveñen os nosos Seminarios en Galicia, tamén en Santiago e Lugo, e parécenos a nosa responsabilidade continuala hoxe en forma renovada e actual. Estamos convencidos de que a súa identidade católica e a súa traxectoria educativa é unha riqueza singular que habemos de ofrecer nestas circunstancias á nosa sociedade.

Por este motivo, abrimos a partir do próximo curso os nosos Centros Educativos como Colexios Diocesanos, de carácter privado, a todos os alumnos e alumnas que, aceptando o ideario do Centro, queiran realizar neles a formación de ESO e BAC.

Como parte da Igrexa en Galicia, presente de moitos modos no ensino ao longo dos anos, queremos así poñer ao dispor das familias un novo espazo educativo, do que estamos seguros que será moi conveniente e unha verdadeira riqueza tamén para os nosos Seminarios Menores.

“Educar é sempre un acto de esperanza” (Papa Francisco). Teremos ocasión de comunicar os detalles desta nova aposta pola educación nos próximos días.

Previous articleCarta de Don Julián para a Asemblea Diocesana de Catequistas e Día da Catequese
Next articleO arcebispo de Santiago pide en ‘Camino de Pascua’ “non renunciar á santidad nin cultivar prexuizos”