- Mons. Francisco José Prieto presidiu o acto acompañado polos equipos formativos, alumnado, seminaristas e familias.
- A comunidade educativa agradeceu o camiño percorrido durante o curso e destacou os valores da fidelidade e a vida compartida.
O Colexio Seminario Menor A Asunción e a Casa do Neno celebraron a clausura do curso académico 2025/2026 cunha Eucaristía presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández. A cerimonia contou tamén coa participación do reitor do Seminario Menor, José Manuel Taibo García; o reitor do Seminario Maior Interdiocesano, José Antonio Castro Lodeiro; varios sacerdotes, os equipos formativos de ambas as institucións, seminaristas, alumnado e numerosas familias.
A celebración converteuse nun momento de acción de grazas por todo o vivido ao longo do curso. No seu saúdo inicial, os responsables educativos destacaron o esforzo compartido por estudantes, docentes, formadores e familias durante un ano marcado pola aprendizaxe, a convivencia, as celebracións e tamén polas dificultades superadas en comunidade.
Durante a súa homilía, o arcebispo invitou os presentes a presentar ante Deus todo o experimentado ao longo do curso. “Hoxe estamos aquí para darlle grazas a Deus e para darnos grazas entre nós”, sinalou, subliñando a importancia de recoñecer o valor de cada persoa que acompañou o proceso educativo e humano da mocidade.
A fidelidade como compromiso de vida
Tomando como referencia a figura bíblica do profeta Elías e o seu discípulo Eliseo, monseñor Prieto destacou a fidelidade como unha dos ensinos fundamentais para a vida. Explicou que a verdadeira fidelidade nace do compromiso coas persoas e cos proxectos que merecen a pena.
O prelado agradeceu especialmente o acompañamento de profesores, formadores, familias, amigos e compañeiros, lembrando que cada persoa constrúe a súa vida grazas a quen camiña ao seu lado. Así mesmo, animou a moxidade para valorar e agradecer todo o recibido durante o seu crecemento persoal e académico.
A celebración concluíu cunha mensaxe de esperanza e gratitude ante o inicio do período vacacional. Monseñor Prieto animou aos alumnos para desfrutar do descanso estival con alegría, lembrando todo o aprendido e recibido durante o curso.












