O Seminario Menor da Asunción e a Casa do Neno inauguran o curso académico 2026/2027

O Seminario Menor da Asunción celebrou o venres 18 de setembro a inauguración do curso académico 2026/2027 cunha Eucaristía presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández.
A celebración reuniu na capela ao arcebispo emérito, monseñor Julián Barrio; ao reitor do Seminario Menor, Roberto Martínez Díaz; e ao reitor do Seminario Maior Interdiocesano, José Antonio Castro Lodeiro. Participaron tamén os equipos formativos da Casa do Neno e do Seminario Menor, xunto con seminaristas, alumnado e familias.
Na súa homilía, o arcebispo explicou que a esperanza coa que comezaba o curso non dependía só de obter boas cualificacións ou de cumprir os proxectos previstos, senón que atopaba o seu fundamento en Xesucristo, vivo e presente na comunidade.
Para ilustralo, detívose na pasaxe evanxélica que mostraba a Xesús percorrendo aldeas e cidades acompañado polos Doce e por mulleres como María Madalena, Xoana e Susana. Eran persoas distintas, coa súa propia forma de ser, pero compartían algo que as mantiña unidas: camiñaban con El.

Desde esa imaxe, monseñor Prieto invitou o Seminario Menor e á Casa do Neno a ser fogares onde aprender a camiñar con Xesús. O estudo, a convivencia, a oración e a amizade debían axudar a cada alumno para crecer e a descubrir que podía achegar aos demais.

Esa invitación dirixiuse a todas as idades. Aos máis pequenos propúxolles aprender a compartir e coidar aos seus amigos; aos maiores, preguntarse polo seu futuro e polo xeito de poñer as súas capacidades ao servizo doutras persoas. No Seminario Menor, sinalou, tamén debía ter cabida a pregunta por unha posible vocación sacerdotal, unha chamada que podía comezar de forma discreta e que necesitaba tempo e acompañamento para madurar.

O arcebispo concretou esa chamada en xestos cotiáns para coidar a convivencia: achegarse a quen estivese só, axudar ao compañeiro que atravesase dificultades, aprender a pedir perdón e volver intentalo cando as cousas non saísen ben. Animou tamén a recibir os logros con humildade e a afrontar as incertezas do futuro desde a confianza en Cristo resucitado.

Situou así a presenza de Xesús na vida diaria do Seminario Menor e da Casa do Neno: nas aulas e os corredores, nos patios, na capela e no comedor. Unha presenza que acompañaba tanto os momentos de alegría como as dificultades e que invitaba a facer do coidado mutuo unha forma cotiá de vivir a fe.

 

Previous articleOs movementos e asociacións laicais de Santiago impulsan a comuñón eclesial e a presenza activa na vida pública
Next articleConfirmacións na Parroquia de San Tomé de Piñeiro