“Para comprender o sentido cristián do Nadal son necesarias a humildade e a sinxeleza”

Hoxe domingo, 25 de decembro, ás 11:40hs. iniciábase a procesión do Cabido catedralicio ata o Altar Maior da Catedral compostelá onde ás 12:00hs. o arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, acompañado por numerosos cóengos daba comezo a Misa estacional do Nadal.

Na homilía, mons. Barrio destacou que “na plenitude dos tempos a humanidade contemplou o amor e a misericordia de Deus Pai no seu Fillo encarnado que puxo a súa morada entre nós, revelándonos definitivamente o seu designio gratuíto de salvación. Necesitamos fe para achegarnos a este misterio. Quen queira facerse o entendido non entenderá nada e desentoará como o invitado que non trae o traxe axeitado para a festa. O Verbo encarnado mostrounos a Deus como graza e verdade”.

O arcebispo indicou tamén que ante este misterio, a lóxica humana vese superada: “Deus elixe o que no mundo é débil para confundir aos fortes, desenmascarar as falsas certezas e dar unha esperanza aos pobres, aos abandonados, aos que para eles non hai sitio na pousada da nosa sociedade”. E engadiu que “esta certeza nos infunde ánimo, mesmo no medio das limitacións humanas a fin de non deixarnos seducir por amarguras, por provocacións á violencia, por resentimentos sociais, pola fatiga. O Deus connosco, ilumina tamén nosas actuais circunstancias históricas”.

O prelado compostelán convidou a todos a “acender no noso corazón a chama do amor de Deus para levar ao mundo a luz, atentos a que non se apague polos ventos fríos da indiferenza relixiosa, da incerteza moral, da perda do sentido transcendente da vida, e da visión laicista da existencia. Cristo é a luz da verdade que ilumina a noite da nosa increnza e que se manifesta no amor, por iso onde hai odio, o home queda na escuridade. O espírito do Nadal é a tenrura, a paz, a pobreza, a humildade, a solidariedade e a fraternidade”.  Neste sentido, o arcebispo asegurou que “non temos que ir lonxe para buscar a Cristo, soamente temos que estar preparados para recibilo. El ensínanos a descubrir o sentido auténtico da nosa existencia; a levar xa desde agora unha vida sobria, honrada e relixiosa, fundada na verdade, na solidariedade, e no compromiso co ben e a paz”.

Mons. Barrio terminou afirmando que “celebrar o Nadal é optar pola luz, vivindo como fillos da luz, manifestada nas boas obras; é decidirnos sempre pola defensa da vida da persoa humana, respectando os seus dereitos, sen esquecer que na súa dimensión transcendente cobran sentido a nosa visión do mundo e do home, os nosos principios e valores”.

d

 

Previous articleMonseñor Barrio na Misa de Noiteboa: “Como os pastores, poñámonos en camiño. Percibamos a humildade de Deus”
Next articleCondolencias e proximidade do arcebispo de Santiago ante o accidente de autobús en Cerdedo-Cotobade