O Seminario Maior Interdiocesano celebra a festa de San Martiño

O 11 de novembro, ás 13:00hs, a capela do Seminario Maior interdiocesano «Apóstolo Santiago» acolleu a misa solemne, presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons.  Antonio Valín, e concelebrada polo arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco José Prieto, en honra a San Martiño de Tours. Numerosos sacerdotes e membros da vida consagrada, laicos, autoridades civís e militares asistiron a esta celebración que finalizou cunha comida de confraternización na Hospedería de San Martiño Pinario.

O prelado tudense enumerou algunhas das calidades do santo bispo Martín de Tours que, fronte ao desarraigamento social que viven tantos homes e mulleres de hoxe, pode iluminar a realidade actual que a Igrexa está chamada a acompañar. Afirmou que, co seu talante dialogante e pacificador, san Martiño anima a deixar de mirar só os nosos criterios e a tender pontes que nos acheguen, rompendo con posturas extremas que non crean humanidade e escurecen o noso ser pobo de Deus en camiño. E engadiu que co seu afán de servizo, Martiño é exemplo daquel que vive para o Reino cun espírito infatigable, sabendo que neste mundo estamos de paso e que a caridade de Cristo úrxenos á misión».

Concluía o bispo de Tui-Vigo, Monseñor Antonio Valín, subliñando que «San Martiño é unha luz que nos lembra a nosa vocación de discípulos misioneiros nesta sociedade e na Igrexa actual, tan polarizadas; lémbranos a nosa vocación real de ser sal que dá sabor e luz que ilumina».

O Seminario Maior «Apóstolo Santiago», situado na cidade compostelá, está conformado por vinte e tres seminaristas procedentes das dioceses de Mondoñedo-Ferrol, Santiago de Compostela e Tui-Vigo, que son atendidos por tres formadores pertencentes a cada unha destas dioceses: José Antonio Castro Lodeiro de Santiago de Compostela, Ángel Carnicero Carrera de Tui-Vigo e Juan Manuel Basoa Rodríguez de Mondoñedo-Ferrol.

Previous article16 NOV | Asemblea Pastoral Diocesana
Next articleRvdo. Sr. Don CARLOS MIRAMONTES SEIJAS