- O recoñecemento destaca décadas de servizo pastoral e compromiso co concello sonense.
- A igrexa de San Vicente de Noal encheuse de veciños e autoridades nun emotivo acto.
- O arcebispo de Santiago presidiu a eucaristía e puxo en valor a vocación sacerdotal.

O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, foi o encargado de impoñer a medalla nun acto que cualificou de “moi emotivo” e que contou coa presenza de membros do goberno local, deputados autonómicos, o comandante xefe do EVA10, o capitán da Garda Civil e representantes do sector marítimo, como os patróns maiores de Porto do Son e Portosín. A asistencia masiva de veciños, que encheron o templo, evidenciou o arraigamento e o cariño cara ao sacerdote homenaxeado.
A cerimonia estivo enmarcada nunha eucaristía presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco José Prieto Fernández, quen na súa homilía destacou o valor da vocación e o servizo. “Damos grazas por unha vida sacerdotal vivida con xenerosidade”, sinalou, subliñando a importancia de recoñecer traxectorias como a de Vila Brión, vinculadas o coidado da comunidade e ao acompañamento espiritual.
O Concello de Porto do Son quixo poñer de relevo, a través deste recoñecemento, a pegada humana e pastoral de José Antonio Vila Brión, cuxa vida estivo marcada pola entrega e o servizo. A Medalla de Oro simboliza así o agradecemento de todo un municipio a unha figura que contribuíu de xeito significativo á vida social e espiritual da comunidade.













