Este domingo 8 de marzo, terceiro domingo de Coresma, tivo lugar na Catedral de Santiago a celebración do primeiro escrutinio dos catecúmenos que se preparan para recibir o sacramento do Bautismo. O rito foi presidido polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Martínez, e reuniu os candidatos que se atopan no seu segundo ano de formación catecumenal.
A celebración congregou a catecúmenos, catequistas, familiares e membros de diversas comunidades parroquiais que quixeron acompañar aos candidatos neste paso significativo dentro do seu itinerario de fe. Tamén estivo presente o delegado de catecumenado, Miguel López Varela, quen participou xunto ao resto dos ministros e acompañantes no desenvolvemento da liturxia.
Os escrutinios forman parte esencial do proceso espiritual propio do catecumenado. A través destes ritos, a Igrexa propón un tempo de purificación e discernimiento que axuda os futuros bautizados a profundar na súa conversión e na súa adhesión a Xesucristo, fortalecendo ao mesmo tempo a súa integración progresiva na vida da comunidade cristiá.
Tras a celebración do escrutinio, os elixidos, acompañados polos seus padriños, catequistas e ministros, participaron nunha procesión cara á cripta catedralicia, onde se custodia a memoria do Apóstolo Santiago. Neste espazo de especial significado espiritual tivo lugar o rito de entrega do Símbolo da fe, o Credo apostólico.

Durante este xesto litúrxico, a Igrexa confía aos catecúmenos a profesión de fe que resume as verdades fundamentais do cristianismo e que están chamados a acoller, meditar e profesar. Como signo visible desta transmisión da fe, o arcebispo entregou a cada un dos elixidos un pergamiño co texto do Credo en tres linguas: latín, castelán e galego.
Na súa intervención, monseñor Prieto animou aos catecúmenos a continuar con esperanza este camiño de preparación, lembrando que o catecumenado constitúe un tempo privilexiado para o encontro co Señor e para a incorporación progresiva á vida da Igrexa.













