Monseñor Prieto resaltou o papel xogado polas familias como “Igrexa doméstica” na pandemia

  • Na II Xornada Diocesana das Familias, o bispo auxiliar anima a desenvolver “Amoris Laetitia” en novos camiños pastorais

O bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto Fernández, asistiu este sábado no Seminario Menor de Santiago á II Xornada das Familias, unha cita que congregou a familias chegadas desde distintas partes da Arquiocese nun día de oración, celebración e convivencia festiva. O arcebispo, monseñor Julián Barrio, quen por cuestións de axenda non puido asistir á totalidade da xornada, saudou os asistentes ás primeiras hora da tarde, tralo xantar. Na súa intervención inicial, o bispo auxiliar resaltou o papel e a misión da familia, un espazo no que, dixo, “todos somos acollidos incondicionalmente e todos somos queridos”. Do papel fundamental que xoga a familia falou tamén monseñor Prieto, recordando que nos meses do confinamiento a familia fora efectivamente esa “igrexa doméstica” da que falaba o Concilio Vaticano II. Invitou a todos, igualmente, a implicarse no desenvolvemento de “Amoris Laetitia” en novos camiños pastorais.

O bispo auxiliar estivo presente nos testemuños ofrecidos por unha nai de familia, unha psicóloga, unha traballadora social de Cáritas e un sacerdote que prestou servizos nun hospital na pandemia. Todos eles falaron sobre as súas distintas experiencias e vivencias naqueles meses. Do compromiso e a solidariedade aos que se referiu monseñor Prieto “para sanar” no ámbito da familia, falaron os participantes en dito panel. Era unha mostra de como facer prácticos os contidos da exhortación “Amoris Laetitia” do papa Francisco, aos que hai que seguir dando continuidade pastoral neste ano, segundo indicou o bispo auxiliar.

Un novo equipo

No encontro, ademais, procedeuse a presentar o novo equipo de Pastoral Familiar. Ana Robles, quen en compañía de Antonio Gutiérrez son desde hai uns meses os novos responsables desta delegación diocesana, presentou os obxectivos do curso e pediu a colaboración de todos os axentes de Pastoral Familiar. Tamén se informou sobre o novo logo da delegación e sobre os traballos de actualización da páxina web.

Despois, os asistentes á xornada repartíronse en grupos de traballo para reflexionar sobre a realidade diocesana das familias e achegar ideas para reforzar esta pastoral, tendo en conta o proceso sinodal convocado polo papa Francisco.

Trala comida e o tempo dedicado aos xogos familiares, pais con fillos, o bispo auxiliar presidiu na Capela do Seminario Menor a Eucaristía coa que se clausurou o encontro. Monseñor Prieto agradeceu a asistencia á xornada e recordou, ao fío das lecturas litúrxicas deste domingo, que Deus Pai acolle con misericordia e bondade ata o máis pequeno xesto realizado con confianza na providencia, como se pon de manifesto no relato de Elías coa viuda de Sarepta e na pasaxe evangélica da ofrenda no templo dunhas moedas por parte da viúva que era pobre. O canto da Misa correu a cargo dun coro interparroquial.

Previous articleA Igrexa Diocesana dedicou en 2020 un total de 3,6 millones de euros a actividades asistenciais e pastorais
Next articleMonseñor Barrio participou este sábado nunha nueva edición da Escola de Axentes de Pastoral de Mondoñedo-Ferrol