Mons. Julián Barrio preside a primeira Misa do ano na Catedral

  • Mons. Julián Barrio: “Neste primeiro día del ano recordamos á Nai de Deus, pedíndolle que acolla todos os nosos desexs de paz e felicidade para cada un de nós, para as nosas familias, para o mundo enteiro”.
  • O arcebispo compostelán destacou as liñas fundamentais da mensaxe do Papa Francisco para a Xornada Mundial da Paz.

A falta da Eucaristía na festividade da Epifanía do Señor, o próximo día 6 de xaneiro, o arcebispo de Santiago completou neste tempo de Nadal unha densa axenda de actos litúrxicos e pastorais. O último celebrouse na mañá do 1 de xaneiro na Catedral compostelá, a primeira Misa do ano, na solemnidade de María, Nai de Deus. O día coincide coa Xornada Mundial da Paz.

Mons. Barrio comezou a súa homilía recordando que “seguimos celebrando o Ano Santo Compostelán, tempo providencial para cultivar a memoria penitencial e afrontar o futuro cheo de esperanzas e tamén de incerteza” e pedíndolle á Nai de Deus que no primeiro día do ano acollese os desexos de paz e felicidade.

Na súa exhortación, o prelado compostelán, destacou as liñas fundamentais da mensaxe do Papa Francisco para esta Xornada Mundial da Paz recordando que “é tanto un don do alto como o froito dun compromiso compartido “propoñendo tres camiños para logralo: “o diálogo entre as xeracións, a educación como factor de liberdade, responsabilidade e desenvolvemento, e o traballo para unha plena realización da dignidade humana”.

Mons. Barrio rematou a homilía con estas palabras: “Que María, Nai do Príncipe da paz e Nai de todos os pobos da terra, acompáñenos e sostéñanos no camiño da reconciliación, paso a paso. E que cada persoa que veña a este mundo poida coñecer unha existencia de paz e desenvolver plenamente a promesa de amor e vida que leva consigo”. É momento de recomenzar. Feliz Ano Novo!”

Este ano celébrase a 55º Xornada Mundial da Paz. Foi o Papa Pablo VI quen promoveu por primeira vez a Xornada Mundial pola Paz para orar pola paz e para renovar o compromiso cristián por construír un mundo mellor e “dedicar aos pensamentos e aos propósitos da Paz, unha celebración particular o primeiro día do ano civil”.

O propio bispo de Roma deu inicio en 1968 á tradición da mensaxe que aborda o tema escollido cada ano con motivo deste día, e que se dá a coñecer uns días antes da celebración. Con esta Xornada a Igrexa busca achegar o seu gran de area na construción da paz nun mundo que sofre conflitos bélicos, vulneración de dereitos humanos e escenarios de violencia.

Previous articleFelicitación de Ano Novo de mons. Julián Barrio
Next articleTres novos Cóengos na Colexiata de Santa María do Campo de A Coruña