Mons. Barrio, presidiu a celebración da Cea do Señor na Catedral compostelá

“O amor de Xesús debullouse ao longo da súa vida ata entregala totalmente desvivíndose polos demais. Esta tarde, Xoves Santo, a Igrexa convídanos á gratitude, á adoración, á reparación e á imitación”. Con estas palabras iniciaba o arcebispo emérito de Santiago a solemne celebración litúrxica da Cea do Señor que presidiu este Xoves Santo na Catedral compostelá.
Nela, monseñor Barrio lembrou que Cristo instituíu a Eucaristía, o sacerdocio e deixou o mandamento do amor fraterno testemuñado no lavatorio dos pés: “amor que se abaixa para poder mirar os demais”.
D. Julián afirmou con respecto á Eucaristía que “é o misterio da fe que se fundamenta non nos sentidos senón na autoridade das súas palabras. Agradezamos vivamente a Eucaristía! A participación nela tráenos a salvación e ha de traducirse en servizo xeneroso aos demais. Non podemos separar o que cremos do que facemos para que a nosa fe non sexa unha realidade abstracta e descarnada”.
Tamén destacou que o exemplo de entrega e humildade de Xesús no lavatorio de pés aos seus discípulos, “comporta saír dos nosos espazos seguros e cómodos, desposuírse de todo aquilo que nos sitúa nunha posición de poder e prestixio, e abaixarnos para poder mirar os demais desde abaixo, non por encima do ombreiro. Cando un ama non se considera superior e trata o outro con todo respecto. Chámasenos a deixar tantas roupaxes que nos impiden ser nós mesmos e a atoparnos cos demais, sobre todo cos pobres para facer nosa a súa pobreza”.
E continuou dicindo que “a caridade será o sinal pola que recoñecerán ao cristián e é a mellor diálise para purificar a nosa espiritualidade. Habemos de facer da historia unha historia de salvación, tamén neste tempo de pandemia, guerras e sufrimento para tantas persoas nunha humanidade cansa e ferida”.
Mañá, Venres Santo, o arcebispo emérito presidirá ás 18:00 hs. a celebración da Paixón do Señor na Catedral de Santiago.
Previous articleSemana Santa 2023: Celebracións na Catedral de Santiago
Next articleMons. Francisco Prieto predica o Sermón das 7 Palabras na Capela das Ánimas