A Diocese de Santiago aproba as contas de 2025 cun crecemento do 7,94%

O pasado xoves 18 de xuño de 2026, o arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco José Prieto Fernández, presidiu na sede da Curia a reunión do Consello de Asuntos Económicos da Diocese, convocado para estudar e aprobar as contas diocesanas e a liquidación do orzamento do exercicio 2025.
Este organismo, integrado por sacerdotes e laicos expertos en economía e dereito, cumpre a función establecida no canon 493 do Código de Dereito Canónico, aprobar as contas de ingresos e gastos da Diocese.
Durante a sesión, o ecónomo diocesano, Fernando Barros, presentou o informe económico completo do exercicio, que reflicte un ano de crecemento sostido, unha xestión prudente e unha capacidade de financiamento positivo. “A transparencia é parte esencial da nosa misión”, sinalou, destacando o compromiso da diocese coa rendición de contas.
Máis achegas de fieis e mellores rendementos financeiros
As contas diocesanas integradas (Fondos Diocesanos, Depósitos de Parroquias, ISC, Fundacións e contas de Parroquias e Entes) alcanzaron en 2025 un total de 31.405.739,12 euros, o que supón un incremento do 7,94% respecto a 2024 e un 22,66% sobre o orzado.
Os ingresos ordinarios ascenderon a 29.614.753,62 euros, un 9,47% máis que en 2024 e un 23,89% por encima do orzamento. Entre os elementos máis salientables figuran:
As achegas dos fieis, creceron un 6,78% respecto ao ano anterior e un 20,79% sobre o previsto, representando o 37,44% do total de ingresos.
A Asignación Tributaria do IRPF, que aumentou un 16,35%, consolidándose como case o 30% dos recursos diocesanos.
Os ingresos de patrimonio e outras actividades, que experimentaron un crecemento do 13,80%, impulsados polo excelente comportamento das carteiras de investimento, cuxos rendementos subiron un 31,42% respecto a 2024.
Os ingresos extraordinarios, en cambio, descenderon un 12,31%, debido á redución de alleamentos de patrimonio (un 85,77% menos que o ano anterior) e á reestruturación contable das subvencións de capital, que pasan a rexistrarse como débedas transformables en subvencións.
Máis investimento pastoral, social e en conservación de edificios.
Os gastos ordinarios situáronse en 22.992.286,02 euros, un 10,94% máis que en 2024 e un 19,16% por encima do orzamento. O informe detalla incrementos relevantes en:
Accións pastorais e asistenciais, que creceron un 7,60% respecto ao exercicio anterior. Retribución do clero, cun aumento do 5,30%, e do privado seglar, que subiu un 18,64%, debido ao incremento de custos sociais e novas contratacións.
Conservación de edificios e gastos de funcionamento, que aumentaron un 14,32%, representando case o 30% do gasto total.
Os gastos extraordinarios ascenderon a 5.654.036,08 euros, un 5,23% máis que en 2024, con especial peso dos programas de rehabilitación.
A pesar do incremento xeral de gastos, a diocese pechou o exercicio cunha capacidade de financiamento de 2.759.417,02 euros, confirmando a estabilidade económica e a adecuada xestión dos recursos.
Compromiso coa transparencia e a responsabilidade institucional
O arcebispo destacou que a presentación pública das contas é “un exercicio de responsabilidade e comuñón”, subliñando que a xestión económica está ao servizo da misión pastoral e social de la Iglesia. A diocese continúa reforzando os seus mecanismos de transparencia, aliñándose coas mellores prácticas de rendición de contas no ámbito eclesial.
Coa aprobación das contas de 2025, o Consello de Asuntos Económicos conclúe un exercicio marcado polo crecemento en ingresos, o reforzo das actividades pastorais e asistenciais e un investimento sostido en conservación e rehabilitación do patrimonio diocesano.
Toda información económica, convenios, estudos e informes, etc. están recollidos no Portal de Transparencia do Arcebispado de Santiago de Compostela: Portal de Transparencia Memoria 2025 (PDF/PDF).

 

Previous articleFesta San Pedro e San Paulo na Parroquia de San Pedro de Villalonga
Next articleRibeira recoñece a entrega das Fillas da Caridade e o seu compromiso coa educación e a pastoral en Oleiros