Este domingo 10 de novembro celébrase en toda España o Día da Igrexa Diocesana, unha xornada que busca recoñecer a importancia da comunidade eclesial e promover a participación activa dos seus membros.
Este ano, a campaña céntrase nas vocacións, coincidindo co Congreso Nacional de Vocacións que se levará a cabo en Madrid do 7 ao 9 de febreiro do próximo ano. Fernando Barros, ecónomo da Arquidiocese de Santiago de Compostela, explica que a iniciativa busca “avivar o desexo e a necesidade das vocacións” e convida á reflexión persoal para “descubrir o plan que Deus ten para nós”.
O Día da Igrexa Diocesana tamén é unha oportunidade para lembrar o papel fundamental que xoga a corresponsabilidade no sostemento da Igrexa. Barros destaca que a Conferencia Episcopal Española busca concienciar sobre o labor social e espiritual que realiza a Igrexa, a cal “axuda a millóns de persoas en España coas súas distintas iniciativas”.
Para impulsar a corresponsabilidade, propóñense catro vías de colaboración: a oración, a dedicación do tempo, a achega das calidades individuais e o apoio económico. Fernando Barros sinala que, aínda que o Día de la Igrexa Diocesana se celebra nunha data específica, a corresponsabilidade debe ser un compromiso que se estenda ao longo de todo o ano.
En Galicia, a Igrexa prestou asistencia a máis de 144.000 persoas en 600 centros asistenciais durante o 2022. Este labor foi posible grazas ao traballo conxunto de sacerdotes, voluntarios e a xenerosidade dos fieis. As actividades da Igrexa abarcan diversos ámbitos, desde a pastoral e a educación ata a misión, a cultura, a caridade, a asistencia e a xestión do patrimonio.
A invitación para participar no Día da Igrexa Diocesana esténdese a toda a comunidade. Fernando Barros anima a todos a sumarse ás actividades organizadas nas súas respectivas parroquias, lembrando que “xuntos chegamos máis lonxe”.