“A cruz non nos pode deixar indiferentes”: o arcebispo invita a vivir o Venres Santo como unha chamada persoal á conversión“

A Catedral de Santiago acolleu hoxe Venres Santo a cerimonia litúrxica da Paixón do Señor presidida polo arcebispo, mons. Francisco Prieto.

Tras a lectura da Paixón, na homilía, o arcebispo fixo unha profunda reflexión sobre o sentido da cruz, a fidelidade, o silencio de Dios e a actualidade do sufrimento redentor de Cristo.

Monseñor Prieto subliñou que a cruz non é un recordo do pasado, senón unha realidade viva. “Non estamos a facer memoria dun pasado que tivo lugar hai séculos”, dixo, “é o hoxe da cruz”. Con esta afirmación, animou aos presentes para vivir a celebración de hoxe non como un acto ritual ou histórico, senón como unha experiencia espiritual viva que interpela o presente de cada crente.

“Todo está cumprido”, repetiu en varios momentos da súa predicación, destacando que esa frase final de Jesús na cruz é a culminación dunha vida de entrega: “Dáse enteiramente, non garda nada para si”.

O arcebispo destacou tamén a necesidade dunha resposta persoal ante a cruz: “Contemplemos a cruz non con curiosidade, menos aínda con indiferenza”. E engadiu: “Véndoa, estamos a ver ao crucificado. Interpélanos, interróganos, pregúntanos”.

Neste sentido, convidou a recoñecerse na fraxilidade dos discípulos e, á vez, aspirar á fidelidade do discípulo amado e da Virxe María, presentes ao pé da cruz: “Que poucas fidelidades chegan ata o pé da cruz”.

Mons. Prieto reflexionou tamén sobre o silencio que rodea a Paixón. “Nace no silencio e morre no silencio”, dixo sobre Jesús, e sinalou que mesmo Divos garda silencio na hora da dor, pero non un silencio baleiro, senón un que fala: “O de Dios non é un silencio que se esquiva, senón que nos pon fronte ás nosas indiferenzas”. Ese silencio, continuou, “é unha forma de interrogarnos sobre a nosa fe, sobre as nosas actitudes #ante a dor e o sufrimento do mundo”.

O arcebispo vinculou o misterio da cruz cos sufrimentos actuais da humanidade: “Tamén hoxe hai cruces e crucificados”. E engadiu: “Feridas abertas de guerra, de violencia, con nome propio, próximas e afastadas”.

Neste sentido, pediu aos presentes unha fe que se faga compromiso: “Tomemos en brazos a quen hoxe piden ser sostidos, acompañados”. Porque, lembrou, o Cristo que foi baixado da cruz e depositado no sepulcro é tamén o rostro de tantos que hoxe esperan ser acollidos e redimidos.

Referíndose a unha das palabras de Jesús na cruz, o arcebispo explicou: “Ten sede, e esa sede é de nós. Ten sede de amor, da nosa entrega, de que brote unha auga de vida do corazón desta humanidade”. Así, a cruz non é só símbolo de sufrimento, senón tamén de esperanza e de posibilidade de transformación para o mundo ferido de hoxe.

A celebración concluíu coa adoración solemne da cruz, momento central do Venres Santo, vivido con gran recollemento. Durante a liturxia, a Catedral permaneceu nun clima de silencio profundo e oración contemplativa.

Mañá, Sábado Santo, ás 22:00 horas, a Catedral acollerá a Solemne Vixilia Pascual, presidida tamén polo arcebispo, que marcará o paso do silencio do sepulcro á alegría da Resurrección.

Previous articleD. Francisco acompaña o Santo Via Crucis no cárcere de Teixeiro
Next articleVia Crucis e Sermón da Soidade na Catedral de Santiago