A comunidade de Muros viviu o pasado domingo unha xornada de especial relevancia coa toma de posesión de Edwin Alexander Bautista Casteláns como novo párroco da Unidade Pastoral de Muros, formada polas parroquias de San Pedro de Muros, San Xoán de Serres, San Miguel de Sestaio e San Xián de Tourea.
A cerimonia, cantada polas voces do Coro da Unidade Pastoral de Muros, tivo lugar o domingo 21 ás seis da tarde e estivo presidida polo vigairo territorial de Santiago, Juan González-Redondo Neira. Xunto a el concelebraron varios sacerdotes, entre os que destacaron dous nados na propia vila: Manuel Jesús Formoso, actual deán da Catedral de Santiago, e Andrés Trinquete, párroco de Santiago de Arteixo.
Ao termo da celebración, Bautista Casteláns dirixiu unhas palabras nas que expresou con sinxeleza e firmeza o seu compromiso de servizo. Manifestou o seu desexo de entregarse a Deus e á Igrexa nesta nova etapa en Muros, coa vontade de estar dispoñible e próximo, de ser alguén a quen os fregueses sentisen verdadeiramente como seu.
A xornada concluíu cun ágape na parroquia de San Xoán de Serres, que se converteu nun momento de encontro fraternal. Alí, sacerdotes e fregueses compartiron conversación, proximidade e alegría, prolongando o espírito de comunidade vivido durante a misa.
O acto non só marcou o inicio dunha nova etapa pastoral, senón que tamén se converteu nun momento de renovación da fe e de esperanza para as parroquias que conforman a Unidade Pastoral de Muros.












