Asemblea de CONFER GALICIA en Poio

O Mosteiro de Poio acolle a Asemblea de CONFER Galicia, que reunirá durante os días 22 e 23 de setembro a relixiosas, relixiosos, superiores maiores e bispos de toda a comunidade.

Esta edición cobra un significado especial ao conmemorarse os 50 anos de vida de CONFER GALICIA, medio século de presenza, servizo e comuñón entre as diversas congregacións relixiosas que desenvolven a súa misión no territorio galego.

A Xornada comezou o luns 22 cun relatorio sobre os “50 anos de CONFER Galicia”, a cargo de Pilar Wirtz (Compañía de María), Mª Luz Galván (RSCJ) e José González (Franciscano). Este percorrido histórico permitiu facer memoria do camiño realizado, as claves pastorais e os desafíos afrontados pola vida relixiosa galega durante as últimas décadas.

Tras a comida celebrouse a Asemblea Xeral Anual, que incluíu a presentación da memoria xeral de CONFER GALICIA, así como os informes diocesanos e económicos.

Encontro de Bispos e Superiores/as Maiores

O martes 23, celébrase a Asemblea dos bispos e superiores/as maiores de Galicia, no que se realizará unha mesa redonda sobre os “Retos de futuro da Vida Relixiosa en Galicia”, moderada por Fernando Gálligo (xesuíta), Miguel da Mata (franciscano) e Chus Ferreiro (Filla da Caridade); e ao finalizar, abrirase un espazo de diálogo aberto cos relatores e os bispos, onde se abordarán as luces e sombras do presente, así como as liñas de acción para o porvir da vida consagrada no contexto galego.

 

Previous articleEdwin Alexander Bautista, novo párroco da Unidade Pastoral de Muros
Next articleOs Xardíns Vaticanos contan desde hoxe cunha representación da Aparición da Virxe do Pilar ao Apóstolo Santiago