As obras de restauración da capela do Salvador sacan á luz a ventá románica do seu muro oriental

Durante as obras de restauración da capela do Salvador descubriuse unha das xanelas orixinais, de época románica, do muro este. A falta de informes e estudos definitivos, trataríase da orixinal, proxectada cando se realizou esta capela, no século XI. A xanela conta nas súas paredes interiores con restos de policromía, en concreto uns escudos con decoración a base de flores de lis. Este motivo decorativo viría motivado polo feito de que esta capela estaba vinculada ao rei de Francia por unha fundación de misas mandadas celebrar en 1372 por Carlos V de Valois, rei de Francia, e gran devoto do Apóstolo. A importancia desta capela tamén vén marcada porque era nela onde antigamente os peregrinos recollían a Compostela, o documento que acreditaba a peregrinación.
A capela do Salvador é de gran importancia na historia construtiva da catedral, xa que foi neste espazo polo que se comezou a edificar a catedral románica, en 1075, tal e como o indica a inscrición presente en dous dos seus capiteis.
A xanela descubriuse na parte posterior do retablo que preside a capela, que foi realizado no século XVI, en pedra calcaria procedente das minas de Coimbra, en Portugal. As obras tamén están a permitir recuperar parte da policromía da bóveda, realizada xa en época barroca, no século XVIII.
No marco desta actuación, esta mañá, o Arcebispo de Santiago, Monseñor Francisco Prieto, e o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, José López Campos, visitaron a capela, para comprobar o estado dos traballos. Esta intervención na capela do Salvador, xunto con outra que se está desenvolvendo na capela de San Bartolomou, están lideradas pola Fundación Catedral, e son posibles grazas á colaboración da Xunta de Galicia, que, a través do Plan Catedrais, achega un investimento de 250.000 euros.

 

 

Previous articleCarta Pastoral de mons. Francisco Prieto | Xornada Pro Orantibus
Next article529 persoas atoparon un emprego mediante a intervención de Cáritas