D. Francisco confirma a 50 mozos/as en Santa Cruz e en San Miguel de Deiro

Esta mañá, sábado 29 de abril, un grupo de 35 mozos, mozas e adultos da Santa Eulalia de Liáns e do Colexio Peñarredonda recibiron o sacramento da Confirmación, e así completaron a súa iniciación cristiá, nunha celebración presidida polo Sr. Arcebispo electo de Santiago Mons. Prieto.
Nunha celebración chea de signos de vida, D. Francisco animou a mocidade para seguir sendo testemuñas de Xesucristo, a ser os seus amigos e a recoñecer como os discípulos de Emaús que Xesús camiña xunto a eles aínda que ás veces non nos deamos conta. Tamén se dirixiu ás familias e lembroulles a gozosa tarefa de seguir acompañando a estes mozos na fe.
Os fieis que abarrotaban o templo viviron unha celebración na que, nun clima de piedade e oración, fíxose presente o misterio da Igrexa orante. O noso Arcebispo electo na súa predicación, centrada nas lecturas da liturxia de Pentecoste convidou a todos os presentes a vivir a evanxelización como elemento esencial da misión da Igrexa.
O grupo da mocidade da parroquia asistiron todos os domingos á celebración da Eucaristía con toda a comunidade e por iso todos nos alegramos deste paso no proceso de Fe. Que coa forza e valentía do Espírito Santo sigan experimentando a necesidade de atoparse cada día con Aquel que resucitou para darlles vida e ser ante o mundo verdadeiros testemuñas da Resurrección.
A parroquia, como lugar da familia dos Fillos de Deus tamén ten un lugar importante no seguimento destes mozos, ofrecendo actividades concretas, xa non propiamente catequeses, pero si de afondamento na fe e de participación en distintas actividades: coro xuvenil, centro de tempo libre, convivencias, campamento de verán, JMJ de Lisboa…
Ao terminar a celebración o Sr. Arcebispo tivo ocasión de comprobar a evolución das obras no templo e locais como xa fixera na súa anterior visita no mes de outubro e que están a piques de tocar ao seu fin.
Xa pola tarde, mons. Prieto confirmou un grupo de mozos/as na Parroquia de San Miguel de Deiro.
Previous articleMons. Prieto confirma un grupo de mocidade en Ponte Caldelas
Next articleChegada da imaxe Peregrina de Fátima á Catedral de Santiago