Constitución do Seminario Maior Interdiocesano

As dioceses de Santiago de Compostela, Tui-Vigo e Mondoñedo-Ferrol, a través dun comunicado conxunto asinado polos seus obispos, monseñor Francisco José Prieto, monseñor Luis Quinteiro e monseñor Fernando García, confirman a posta en marcha dun Seminario Maior Interdiocesano (SMI), que terá a súa sede en Santiago.

Transcribimos a continuación o texto completo da carta que os prelados remitiron aos sacerdotes de cada diocese, informándoos desta importante noticia:

 

Queridos irmáns sacerdotes:

Sabemos que “o don da vocación ao presbiterado, sementado por Deus no corazón dalgúns homes, esixe á Igrexa propoñer un serio camiño de formación” (Ratio fundamentalis institutionis sacerdotalis nº 1, 2016) que os capacite para vivir con todas as súas esixencias o sacerdocio e para exercelo con responsabilidade. Froito desta preocupación é o Plan de Formación Sacerdotal. Formar pastores misioneros, aprobado pola Conferencia Episcopal Española en 2019, co fin de orientar a formación dos seminaristas nunha comuñón de criterios entre as diversas dioceses, contando coas circunstancias de tempo e lugar nas que vivimos.

Co fin de facilitar un proceso máis decidido e sistemático de renovación conforme a estas orientacións formativas, tivo lugar, entre os meses de xaneiro e marzo de 2023, unha Visita Apostólica aos Seminarios Maiores das dioceses que conforman a Conferencia Episcopal Española. Para dar conta da mencionada Visita e tratar o tema da formación sacerdotal nos Seminarios, o Papa Francisco, a través do Dicasterio para o Clero, convocou en Roma, o 28 de novembro de 2023, aos bispos españois. Alí puidemos dialogar sobre os criterios indicados para a actualización da formación nos Seminarios Maiores.

Tras aquel encontro e, froito dunha reflexión serena e profunda, os bispos das dioceses de Santiago de Compostela, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo decidimos poñer en marcha un Seminario Maior Interdiocesano (SMI) que terá a súa sede en Santiago de Compostela.

Foi un paso difícil pero necesario; talvez, hoxe en día, o único paso posible para ofrecer aos nosos seminaristas os elementos formativos necesarios que permitan vivir a identidade e espiritualidade do ministerio sacerdotal. A formación sacerdotal precisa dunha comunidade educativa que desenvolva as súas catro notas esenciais: única, porque é un único camiño discipular; integral, porque debe cultivar de modo equilibrado as dimensións humana, espiritual, intelectual e pastoral; comunitaria, porque a vocación fórmase na comunidade discipular do seminario; e misioneira, porque toda a formación sacerdotal oriéntase á misión.

A realidade do seminario interdiocesano preséntase como un camiño que somos convidados a percorrelo xuntos, co fin de crecer como Igrexa ao servizo do noso pobo. Este seminario debemos sentilo como algo propio en cada unha das Igrexas particulares. Iso non impide que cada diocese acompañe aos seus seminaristas e realice un traballo vocacional co respaldo desta nova institución interdiocesana.

Para a constitución do Seminario Maior Interdiocesano, así como dos seus estatutos, é preciso obter antes a confirmación da Sede Apostólica (CIC c. 237). Co fin de iniciar este proceso constituímos unha comisión integrada por tres sacerdotes de cada unha das dioceses implicadas:

Rvdo. D. José Antonio Castro Lodeiro, arquidiocese de Santiago de Compostela

Rvdo. D. Ángel Carnicero Carrera, diocese de Tui-Vigo

Rvdo. D. Juan Manuel Basoa Rodríguez, diocese de Mondoñedo-Ferrol

A eles, como futuro equipo formativo deste Seminario Inter-diocesano, confiámoslles o desenvolvemento de todos os elementos necesarios para levar a bo termo o acompañamento dos candidatos ao ministerio sacerdotal.

Queriamos dirixirnos persoalmente a vós para informarvos desta importante decisión e pedirvos que continuedes co voso traballo e oración polas vocacións sacerdotais.

+ Francisco José, Arcebispo de Santiago de Compostela.
+ Luis, Bispo de Tui-Vigo.
+Fernando, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.

 

Carta aos sacerdotes sobre o SMI (PDF)

 

 

Previous articleCáritas inaugura unha nova vivenda para maiores en O Burgo
Next articleDONA FÁTIMA ROMAR VÁZQUEZ, secretaría persoal do Excmo. Sr. Arzobispo de Santiago de Compostela.