A parroquia de Cuntis acolleu o pasado venres 19 de xuño a celebración do sacramento da Confirmación, presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco José Prieto Fernández. A cerimonia reuniu os mozos confirmandos xunto aos seus padriños, madriñas, familiares e membros da comunidade parroquial.
Durante a súa homilía, o arcebispo centrou a súa mensaxe na imaxe do tesouro, unha metáfora que utilizou para explicar o significado da vida cristiá e do sacramento que os mozos estaban a piques de recibir.
«Recibimos todos un fermoso tesouro», afirmou ao comezo da súa intervención, lembrando que a vida, a fe e a condición de fillos de Dios recibida no bautismo constitúen un agasallo que cada crente está chamado a descubrir e desenvolver.
Prieto invitou aos confirmandos a vivir a Confirmación como un don que debe ser acollido e posto en práctica. Comparou o sacramento cun agasallo que non pode permanecer envolto, senón que debe abrirse e compartirse.
Así mesmo, invitou aos confirmandos a vivir a súa fe con autenticidade e alegría, afastándose do individualismo e do egoísmo. Lembrou que o seguimento de Xesús non consiste en buscar recoñecemento ou aprobación social, senón en abrir o corazón a Deus e aos demais.












