Arroupa Moda Re-, a empresa de inserción impulsada por Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, inaugurou hoxe a súa nova tenda na rúa Castelao, en pleno corazón comercial de Vilagarcía de Arousa. A apertura coincide co décimo aniversario de Arroupa Moda Re-, un proxecto que transformou o modo de xestionar o residuo téxtil en Galicia e que converteu a moda sostible nunha oportunidade de emprego, de dignidade e de coidado do medio ambiente.
O acto oficial de inauguración contou coa participación do arcebispo de Santiago de Compostela, do presidente de Cáritas Española, da directora de Cáritas Diocesana de Santiago, da directora xeral de Moda Re- en España, así como de representantes da Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello de Vilagarcía. Coa súa presenza, as institucións quixeron apoiar un modelo que une inclusión social, sustentabilidade e compromiso comunitario.
A nova tenda de Vilagarcía ofrece moda sostible e solidaria con roupa, calzado e complementos para todas as idades, aos que se suman tamén oportunidades de colaboración co tecido local. Ademais da súa función comercial, o establecemento será un recurso social ao servizo de Cáritas, xa que permitirá que as persoas acompañadas pola entidade accedan a roupa a través de vales gratuítos de compra en formato QR, garantindo así un acceso digno e normalizado, sen estigmas nin distincións fronte ao resto da clientela.
O 100% DOS INGRESOS REINVÍSTESE EN EMPREGO O modelo de funcionamento de Arroupa Moda Re- distínguese polo seu carácter solidario, transparente e sostible. A roupa que chega ás súas tendas procede exclusivamente de doazóns cidadás recollidas en contedores autorizados e é clasificada na planta propia da entidade, garantindo en todo momento a rastrexabilidade do proceso.
A diferenza doutros esquemas de xestión, en Arroupa o 100 % dos ingresos obtidos reinvístese en emprego inclusivo e en programas sociais de Cáritas, reforzando así o seu compromiso coas persoas en situación de vulnerabilidade. Este enfoque permite, ademais, xerar sinerxias positivas coa actividade comercial local. En Vilagarcía, por exemplo, a tenda colabora cunha modista da zona, á que se deriva a quen necesita arranxos nas pezas adquiridas.
Durante o acto de inauguración, o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, sinalou que “a apertura desta tenda en Vilagarcía é un signo de esperanza, porque mostra que é posible coidar das persoas e, ao mesmo tempo, ofrecer dignidade e futuro a quen máis o necesitan”.
O presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón, destacou que “Arroupa é un exemplo de innovación social que inspira a toda a rede de Cáritas. Aquí, a economía circular convértese en economía de esperanza, porque transforma residuos en oportunidades reais de vida para as persoas”.
Pola súa banda, a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, subliñou que “cada peza que chega a Arroupa convértese nunha oportunidade de dignidade. Demostramos en dez anos que as doazóns poden transformarse en emprego, en consumo responsable e nunha sociedade máis xusta”.
A directora xeral de
Moda Re- en España, Noema Paniagua, concluíu afirmando que “Arroupa foi pioneira en Galicia en innovación, rastrexabilidade e dignificación do acceso á moda sostible. A apertura de Vilagarcía reforza o traballo de toda a rede nacional e demostra que a economía social ten futuro”.
