Arroupa inicia en Santiago a construción da súa nova planta de procesado textil que multiplica por cinco a súa capacidade, converte a Galicia en referencia de economía circular e reforza o emprego de inserción na comunidade

A empresa de inserción de Cáritas Diocesana de Santiago, Arroupa Moda Re- presentou hoxe o proxecto de ampliación da súa planta con motivo do inicio das obras e a colocación simbólica do primeiro piar da futura instalación, nun acto celebrado no Polígono do Tambre (Santiago), que puxo de relevo o carácter estratéxico desta infraestrutura para Galicia no ámbito da economía social, o emprego inclusivo e a acción climática. O acto contou coa presenza de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia; Francisco J. Prieto, arcebispo de Santiago de Compostela; Manuel Bretón, presidente de Cáritas Española; Noema Paniagua, directora xeral de Moda Re- e Pilar Farjas, directora de Cáritas Diocesana de Santiago e CEO de Arroupa, e reuniu a máis de 60 representantes de empresas e entidades do ámbito da economía social e a sustentabilidade, o sector téxtil, así como alcaldes e alcaldesas de Galicia.

O proxecto conta co respaldo de socios estratéxicos como a Xunta de Galicia, a través do IGAPE, e o Grupo Inditex e contempla a construción dunha nova planta de preparación para a reutilización e reciclaxe de residuo téxtil en Santiago de Compostela. A obra será executada por Construtora San José, e permitirá multiplicar por cinco a capacidade actual de tratamento, reforzar a implantación da recollida selectiva de téxtil no territorio e consolidar un modelo de economía social circular, con impacto ambiental e social medible, trazable e aliñado coa normativa europea, estatal e autonómica.

A nova planta levantarase sobre unha parcela industrial de 4.471 metros cadrados, cunha superficie construída total de 4.900 metros cadrados, situada en Polígono do Tambre (Santiago) e deseñada especificamente para albergar todas as fases do proceso, desde a recepción, almacenaxe, selección, clasificación, preparación para a reutilización, reciclaxe, expedición e servizos de formación e xestión. Esta ampliación permitirá pasar das case 2.000 toneladas de tratamento de residuo téxtil a unha capacidade media anual de 5.000 toneladas e ata unha máxima 10.000 toneladas.

 

Impacto social e emprego local

A entrada en funcionamento da nova planta de Arroupa Moda Re- terá un efecto directo na creación de emprego inclusivo en Galicia. A nova infraestrutura permitirá pasar de 37 a 62 postos de traballo directos, incorporando 25 novos itinerarios de inserción sociolaboral. Más do 80% destes empregos (50 persoas) estarán destinados a persoas en situación ou risco de exclusión, con formación técnica e acompañamento social e laboral especializado, ademais de melloras significativas en condicións ergonómicas e de seguridade.

Como entidade sen ánimo de lucro, Arroupa reinviste o 100% dos seus excedentes na propia actividade, garantindo que os beneficios revertan directamente en emprego inclusivo e na mellora do servizo ambiental á cidadanía. Sumando o emprego directo, o indirecto asociado á actividade, os postos inducidos pola inserción laboral e o emprego temporal xerado durante a construción da nova nave, o proxecto alcanzará un impacto total estimado de 132 postos equivalentes a tempo completo no ámbito local.

Este resultado reflicte o alto efecto tractor do proxecto sobre a economía local, consolidando a economía circular e o desenvolvemento territorial sostible, en plena coherencia coas políticas públicas de emprego e cohesión social.
O proxecto supón un investimento de 5,4 millóns de euros, dos que 2 millóns son achegados polo Grupo Inditex e 1,5 millóns proveñen de axudas do IGAPE (Xunta de Galicia). O resto financiarase mediante un crédito concedido por Fiar Banca Ética a Arroupa, de Cáritas Diocesana de Santiago. A empresa construtora prevé concluír a obra a finais de 2026 de modo que a nova infraestrutura poida entrar en funcionamento no segundo trimestre de 2027

Un proxecto estratéxico para anticiparse

O proxecto responde a un contexto de clara necesidade estrutural adaptándose ao forte incremento previsto na recollida selectiva de roupa usada e anticipándose ás esixencias da Lei 7/2022 de residuos e chans contaminados, que obriga aos municipios para implantar a recollida separada de residuo téxtil.

Neste escenario, Arroupa Moda Re- consolidouse como un actor clave: presta servizo en 62 concellos galegos, conta con 399 puntos de recollida en vía pública e entidades privadas e xestionou 1.972 toneladas de roupa usada en 2025.

De toda a roupa recollida separadamente en Galicia, o 42% corresponde a proxectos Cáritas e Moda re-, e Arroupa representa por si soa o 24% do total galego, unha cifra que pon de manifesto o seu peso específico no sistema de xestión do residuo téxtil.

Ademais, a nova planta permitirá aumentar de maneira significativa o volume de pezas doadas a familias en situación de vulnerabilidade. Actualmente, Cáritas Diocesana de Santiago, distribúe a través de Arroupa unhas 27.000 pezas ao ano, principalmente a través das súas cinco tendas na Coruña, Carballo, Pontevedra, Santiago e Vilagarcía. Coa ampliación, prevese superar as 40.000 pezas anuais a familias en risco de exclusión.

Durante a presentación do proxecto, o arcebispo de Santiago de Compostela, D. Francisco José Prieto, destaco que “este proxecto é a expresión concreta dunha Igrexa que non só acompaña, senón que tamén constrúe futuro. A través de Arroupa e de Cáritas Diocesana, demostramos que é posible coidar das persoas máis vulnerables, xerando emprego digno, oportunidades reais de inserción e un compromiso claro coa sustentabilidade e a xustiza social.”

Pola súa banda, Pilar Farjas, conselleira delegada de Arroupa, subliñou que “esta ampliación responde a unha necesidade real do territorio e reforza a nosa aposta pola economía social. Cada posto de traballo supón un contrato digno, con apoio e acompañamento, dentro dunha entidade que mira polas persoas. Isto é Cáritas e o seu compromiso decidido coa xustiza, a dignidade e a inclusión”.
Manuel Bretón, presidente de Cáritas Española, destacou que “o proxecto de Arroupa Moda Re- converteuse nun referente nacional de economía circular e de emprego de inserción. Non é só unha ampliación de capacidade, senón un modelo de transformación social que demostra como a xestión responsable do residuo téxtil pode xerar oportunidades reais para as persoas e beneficios tanxibles para o medio ambiente. Galicia sitúase así á vangarda da innovación social, combinando sustentabilidade, economía circular e compromiso coas comunidades máis vulnerables”.

 

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, puxo en valor o papel de Arroupa como un referente en economía social, e destacou que estas novas instalacións van permitir dar un importante “salto adiante en materia de economía circular e inclusión social e laboral”. Considerou, ademais, que iniciativas como esta contribúen a crear unha Galicia máis verde, xusta e vangardista, e apelou á colaboración do conxunto da sociedade e de todas as administracións para seguir avanzando neste camiño.

Beneficio ambiental e tecnoloxía punteira

Desde o punto de vista ambiental, o impacto do proxecto é igualmente significativo e cuantificable tanto na redución de CO2 como na redución de consumo de auga. O edificio foi concibido con criterios de eficiencia enerxética, redución da potencia instalada e uso de enerxías renovables, reforzando o seu carácter de infraestrutura sostible.

No ámbito tecnolóxico, o proxecto supoñerá un salto cualitativo. A planta contará con liñas dobres de triaxe de última xeración, sistemas automatizados de alimentación e prensas hidráulicas de alta capacidade, con identificación mediante códigos QR, o que garante a rastrexabilidade completa do residuo téxtil desde a súa recollida ata o seu destino final. A iso súmase o sistema pioneiro de contedores con sensores volumétricos, que permite optimizar roteiros de recollida, reducir a pegada de carbono e ofrecer aos concellos información en tempo real sobre niveis de enchido, frecuencia de baleirado e xestión do residuo.

Segundo explicou Noema Paniagua, directora xeral da cooperativa Moda Re- en España, “investir en plantas de tratamento é investir en emprego social e nunha resposta real ao reto da axeitada xestión do residuo téxtil en Galicia e en España”.

Con esta ampliación, Arroupa reforza o seu papel dentro da cooperativa estatal Moda Re-, promovida por Cáritas e presente en todo o país, e posiciónase como un nodo estratéxico de valorización téxtil en Galicia e o noroeste peninsular, preparado para dar servizo a novos concellos, apoiar a outros proxectos de Sogama e de Cáritas para contribuír de forma decisiva a un modelo de xestión de residuos máis xusto, eficiente e sostible, centrado nas persoas e no coidado do planeta.

Previous articleO arcebispo de Santiago presidiu a Eucaristía na celebración da memoria da Virxe de Lurdes, Xornada Mundial do Enfermo
Next articleO Seminario Menor da Asunción celebrará a súa XIII Semana Cultural con actividades para toda a comunidade