- A Catedral acolleu a solemne cerimonia na que se renovan as promesas sacerdotais e se consagran o Santo Crisma e os Santos Óleos
Coa presenza do arcebispo electo de Santiago de Compostela mons. Francisco José Prieto Fernández, o arcebispo emérito de Tánxer mons. Santiago Agrelo, membros do cabido, sacerdotes vindos de toda a Diocese, membros de vida consagrada, seminaristas e numerosos fieis, mons. Julián Barrio, administrador apostólico da Diocese, quen ata o sábado estivo á fronte da Diocese compostelá durante case trinta anos como arcebispo, celebrou na Catedral a Misa Crismal. Unha celebración emotiva na que o Pastor, arroupado polo seu clero, escoitou deles a renovación das súas promesas sacerdotais.
“Cantaremos eternamente a túa Misericordia”. Con estas palabras expresou o sentido da celebración da Misa Crismal, durante a que se bendixeron os óleos que durante todo o ano se usarán nas parroquias para administrar os sacramentos do Bautismo, Confirmación e Unción dos enfermos, co fin de “conferir o Espírito Santo, guía da Igrexa”.
Dirixiuse de maneira especial todos aqueles que desenvolven un servizo sacerdotal aos que lembrou que “o Espírito Santo que se nos dá en Cristo, é o que mantén e a mensaxe de alegría, perdón e servizo”.
Mons. Barrio subliñou de maneira particular na “necesidade de manter a unidade e a comuñón”. Ambas as dimensións deben saír “de e para toda a persoa e todas as persoas”.
Afondou na imaxe do lavatorio de pés para salientar que “é o propio Cristo quen nos limpa os pés da sucidade da terra” polo que debían manterse “vixiantes e contemplativos” e “sempre renovados e alimentados no amor, na verdade. Terminou a súa homilía invocando a “María como nai e intercesora” e pedindo a súa protección.
Previamente a esta celebración, os sacerdotes da Diocese participaron nun retiro, que nesta ocasión foi dirixido polo delegado diocesano do Clero, Victor Naveira, no que reflexionaron sobre o capítulo 21 de san Xoán.












