A innovación pedagóxica centra una xornada de formación para docentes de Relixión en Santiago

Un numeroso grupo de docentes de Relixión da diocese de Santiago, así como profesorado chegado doutras dioceses galegas, déronse cita hoxe nunha xornada de formación centrada na innovación pedagóxica e didáctica no ensino da Relixión. Nesta actividade participou a editorial Edelvives e contou coa destacada intervención de Carmen Pellicer, pedagoga, teóloga e presidenta da Fundación Trilema.

Durante a xornada, celebrada na Casa de Exercicios, Pellicer —coñecida defensora dun gran pacto educativo en España— abordou os retos e oportunidades do actual currículo de Relixión, marcado polos principios da LOMLOE. A relatora insistiu na necesidade de repensar a materia desde unha perspectiva máis flexible, autónoma e interdisciplinar, apostando por metodoloxías activas que provoquen no alumnado experiencias vitais que deixen pegada.

 

Un dos eixos do encontro foi a análise do novo enfoque competencial do currículo. Os docentes traballaron sobre como deseñar secuencias didácticas a partir dos criterios de avaliación establecidos pola lexislación actual para as distintas etapas educativas. Ademais, reflexionouse sobre a avaliación nunha materia que, en moitos contextos, non é cualificada de maneira convencional, o que esixe novas formas de valorar a aprendizaxe real do alumnado.

Tamén se afondou no papel das intelixencias múltiples e a personalización do proceso de ensino-aprendizaxe, así como nos modelos de programación que favorecen un ensino significativo. Pellicer subliñou a importancia de que os profesores de Relixión seleccionen coidadosamente aquelas experiencias que desexan que os seus alumnos lembren ao longo da súa vida, porque, segundo dixo, “a educación que nutre a memoria profunda é a que transforma”.

A xornada deixou unha sensación moi positiva entre os asistentes, que destacaron tanto o contido práctico como a inspiración recibida para afrontar con novas ferramentas e motivación o reto de ensinar Relixión nunha sociedade en constante cambio.

Previous articleConfirmaciones en Ribeira
Next articleD. José Andrés Fernández Farto e D. José Antonio Castro Lodeiro, novos cóengos capitulares da SAMI Catedral de Santiago de Compostela