Hoxe sábado, 28 de outubro, o arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco Prieto, recollía a Medalla de Honra da Real Academia Galega de Belas Artes á Fundación Catedral de Santiago. O acto tivo lugar, dentro da Sesión Extraordinaria Pública, ás 11:00hs no Instituto de Estudos galegos Padre Sarmiento, co que se dá cumprimento ao acordo plenario da Sesión celebrada o pasado 25 de xaneiro de 2020.
Con este galardón a Academia quere recoñecer os méritos da Fundación Catedral de Santiago, que desde a súa creación en 2008, loitou por cumprir os fins fixados nos Estatutos do seu Padroado, como son a a promoción da Catedral, fomentando o coñecemento e difusión da súa historia e patrimonio artístico e cultural; a creación de instrumentos e servizos que permitan afrontar con criterios de eficacia a xestión, explotación e valorización da mesma así como a obtención dos recursos que permitan a realización de cantas obras se estimen necesarias para o mantemento, restauración e conservación preventiva do monumento.