A Delegación para o Servizo do Desenvolvemento Humano Integral foi creada por Mons. Francisco José Prieto Fernández en decembro de 2023. Hai unhas semanas estreou web propia:
https://desarrollohumanointegral.archicompostela.es/
A web está dirixida a parroquias, grupos pastorais, axentes sociais e a calquera persoa que queira coñecer e sumarse ao traballo da Igrexa no campo da acción social da nosa arquidiocese e da Provincia Eclesiástica da que formamos parte.
O coidado das persoas e o coidado do mundo están intimamente relacionados. Esta visión serve de marco común para as distintas áreas de traballo da Delegación: pastoral da saúde, migracións, ecoloxía integral e semanas sociais.
O concepto de desenvolvemento que promove a Doutrina Social da Igrexa non se limita ao benestar económico ou material, senón que abarca tamén as dimensións sociais, culturais e espirituais da persoa. Un desenvolvemento que, en palabras de Paulo VI na encíclica Populorum Progressio, debe promover “a todos os homes e a todo o home”.
Noticias e recursos pastorais
Publícanse contidos dous ou tres veces por semana: noticias, iniciativas, eventos, campañas, informes e reflexións que poidan ser de utilidade no traballo pastoral ordinario. Uns son máis teóricos ou académicos, outros son experiencias e cuestións prácticas: actuamos, en parte, como un observatorio que vai recollendo boas prácticas, aquilo que nos parece máis relevante e que consideramos pódevos axudar no voso traballo diario.
A Delegación traballa na organización de recursos pastorais clasificados por materias: documentos, guías e materiais formativos que faciliten o traballo de axentes pastorais, voluntarios e grupos parroquiais. Esta sección está en construción, é a máis débil da web aínda, irase ampliando de forma progresiva: a nosa intención é facilitar unidades didácticas e catequéticas, suxerir lecturas, etc.
Entra e compártea
A web é un recurso aberto para toda a comunidade diocesana. Animámosvos a visitala e a difundila entre os vosos grupos e comunidades.
Estamos ao voso servizo tamén para desenvolver algunha actividade na vosa parroquia, colexio ou comunidade en calquera dos ámbitos temáticos da Delegación.
José Ramón Amor Pan
Delegado









