Cáritas Diocesana de Santiago, a través do seu Interparroquial de Pontevedra, avanza na fase final das obras do Centro de Acollida e Inclusión “Santa Ana”, un recurso pioneiro destinado a mulleres en situación de vulnerabilidade e risco de exclusión social.
Nestes momentos, a actuación atópase na súa última etapa. Coa execución da tabiquería, a carpintería exterior e interior instalada e as instalacións de subministracións, actualmente estase procedendo á montaxe do mobiliario de cociña e baños.
O Centro de Acollida e Inclusión “Santa Ana” será un recurso clave para a área de Pontevedra dentro do modelo de intervención de Cáritas Diocesana de Santiago. A iniciativa, que contou cun investimento superior a 450.000 euros, entra agora nunha fase decisiva marcada pola implicación social a través da campaña “Un fogar para volver crer”, aínda activa.
O novo recurso dispoñerá de 8 cuartos con baño propio (7 individuais e 1 dobre adaptada), alén de espazos comúns para a convivencia e o acompañamento. Con 270 m² construídos, intégrase nun conxunto de máis de 1.300 m² de uso socioasistencial xa en funcionamento.
Segundo o director da Interparroquial de Pontevedra, Juan Carlos Abeigón, “este centro non só amplía a nosa rede de atención, senón que crea un espazo onde as mulleres poden reconstruír a súa vida con apoio próximo e continuado. É un paso decisivo para que a inclusión social deixe de ser unha emerxencia puntual e convértase nun proxecto sostible e transformador”.
Alén da Fundación Rei Balduino con Cáritas española, o proxecto conta co apoio de Ence, que achega 15.000 euros, e recentemente sumar Caixa Rural cunha contribución de 3.000 euros.
As persoas interesadas poden realizar as súas achegas indicando como concepto “CAMPAÑA CÁRITAS STA ANA” a través de:
Caixabank (BIZUM 38188)
Banco Santander (ES75 0049 5557 6221 1601 6125)
Abanca (ES85 2080 5401 5930 4016 6835)
Todas as doazóns contan con certificado fiscal, con desgravacións de ata o 80% no IRPF e do 40% no Imposto de Sociedades.
Este centro constitúe a terceira fase dun proxecto que transformou a atención social en Pontevedra, xunto ao Albergue Santo Javier e o Centro de Atención Continuada San Roque, consolidando unha rede orientada a procesos de inclusión máis estables.














