Celebración Diocesana | Tempo da Creación

Oito anos despois de Pacem in terris, en 1971, San Pablo VI referiuse á problemática ecolóxica, presentándoa como unha crise, que é unha consecuencia dramática da actividade descontrolada do ser humano: “Debido a unha explotación inconsiderada da natureza, [o ser humano] corre o risco de destruíla e de ser á súa vez vítima desta degradación”.
San Xoán Paulo II ocupouse deste tema cun interese cada vez maior. Na súa primeira encíclica, advertiu que o ser humano parece “non percibir outros significados do seu ambiente natural, senón soamente aqueles que serven aos fins dun uso inmediato e consumo”. Sucesivamente chamou a unha conversión ecolóxica global.
Bieito XVI renovou a invitación para “eliminar as causas estruturais das disfuncións da economía mundial e corrixir os modelos de crecemento que parecen incapaces de garantir o respecto do medio ambiente”.
O Papa Francisco dedicou a este asunto toda unha encíclica, Laudato si, publicada en 2015: “Fago unha invitación urxente a un novo diálogo sobre o modo como estamos a construír o futuro do planeta. Necesitamos unha conversación que nos una a todos, porque o desafío ambiental que vivimos, e as súas raíces humanas, interésannos e impáctannos a todos. O movemento ecolóxico mundial xa percorreu un longo e rico camiño, e xerou numerosas agrupacións cidadás que axudaron á concientización. Lamentablemente, moitos esforzos para buscar solucións concretas á crise ambiental adoitan ser frustrados non só polo rexeitamento dos poderosos, senón tamén pola falta de interese dos demais. As actitudes que obstrúen os camiños de solución, aínda entre os crentes, van da negación do problema á indiferenza, a resignación cómoda ou a confianza cega nas solucións técnicas. Necesitamos unha solidariedade universal nova”.
A nosa arquidiocese únese tamén a este movemento, de momento cunha iniciativa humilde, pero poderosa, porque a oración debe ser sempre a primeira acción de todo cristián: oración de loanza, oración de acción de grazas, oración de petición de perdón. Aos poucos iremos poñendo en marcha novas iniciativas que nos axuden a coidar da casa común, como nos pide a Igrexa.

 

José Ramón Amor Pan
Delegado Episcopal para o Servizo do Desenvolvemento Humano Integral

Previous articleO Seminario Maior Interdiocesano «Apóstolo Santiago» inaugura o curso 2024-2025
Next articleMons. Prieto participa no Encontro Internacional de Cidades Xubilares, en Murcia