- Celebración diocesana da Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado
A Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado celebrouse este domingo 29 de setembro. A celebración diocesana, presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco Prieto, tivo lugar na coruñesa parroquia de Santo Antonio, situada nunha barriada cunha amplísima presenza de migrantes. Estivo acompañado polo párroco Ramón Caamaño Pacín, polo Delegado Episcopal para o Desenvolvemento Humano Integral, Jose Ramón Amor Pan, así como por outros sacerdotes.

O arcebispo convidou a unirse á Igrexa, a través da convocatoria do Papa Francisco, “a orar por e con aqueles que definimos como migrantes e refuxiados, os que tiveron e tivestes que deixar a vosa terra e a vosa patria, buscando outra terra e outra patria onde ser acollidos e recibidos”.
Na súa homilía, mons. Prieto tivo palabras de recordo para os afectados nas últimas horas polo naufraxio dun caiuco na illa do Hierro, no que faleceron nove persoas e medio centenar atópanse desaparecidas: “unha realidade que ten que golpearnos, porque se trata precisamente daqueles que buscan, con todo dereito, unha oportunidade, unha oportunidade de dignidade de xustiza para eles e para a súa familia, e iso está no corazón mesmo de Deus”.
Neste sentido, destacou que é necesario tomar conciencia, cunha mirada desde o Evanxeo, sobre aqueles que buscan, con todo dereito, unha vida máis digna e máis xusta. E engadiu que “todos sen exclusión, no corazón de Deus, son recoñecidos na súa dignidade, nesa dignidade que Deus pon no corazón de todo home e muller”.

O arcebispo convidou a ter esa mirada evanxélica, para recoñecer esa dignidade que Deus pon no corazón de home de toda persoa e de maneira moi especial no migrante e o refuxiado, e a camiñar xuntos: “É o camiñar xuntos como familia, é o camiñar xuntos como comunidade parroquial. É o saber que cada un ten o seu ritmo (…). Unha mirada comprensiva e próxima cara a aquel que vén de lonxe (…). Teñamos mirada e escoita atenta”.
“Estades entre nós e sodes parte de nós, e sodes parte da vida desta comunidade parroquial da nosa igrexa diocesana”, afirmou D. Francisco. Quen engadiu que “a Igrexa non pode coñecer fronteiras, nin liñas vermellas que separe e dividan. Na Iglesia todos confesamos a un mesmo Deus Pai, que mira os seus fillos e fillas ao corazón e nos convida a unha fraternidade que nos compromete a un camiño de reconciliación, dunha paz verdadeira e dunha xustiza segundo o corazón de Deus”.








