A mañá do sábado 13 de setembro tivo lugar no Seminario Menor de Santiago de Compostela a reunión de inicio de curso organizada pola Delegación para o Laicado para representantes de movementos e asociacións laicales da diocese.
Tras o momento de oración inicial, no que se aproveitou para rezar en sintonía co tempo da creación deste mes, e a presentación das persoas asistentes, entre as que se atopaba o vigairo de pastoral, Javier Porro Martínez, déronse a coñecer as datas máis destacadas das actividades da Delegación para o último trimestre de 2025 e 2026.
Fíxose especial fincapé na próxima Xornada diocesana de Apostolado Seglar coa celebración do Día da Acción Católica e do Apostolado Seglar, que terá lugar o sábado 23 de maio de 2026.
Despois do descanso, o delegado para o laicado, Alfredo Losada Suárez, realizou unha presentación sobre o itinerario de presenza na vida pública, xurdido tras o Congreso de Laicos de 2020, e que será obxecto de traballo na diocese. Mantívose un diálogo sobre como afondar no compromiso dos cristiáns na vida pública e sobre a implantación dos Sínodos diocesano e universal.
Animouse a todas as persoas crentes a ler e traballar en común o Documento Final do Sínodo universal, que o papa Francisco acolleu como maxisterio pontificio, precisamente na terceira fase do proceso sinodal: a fase de implantación, que comezou e desenvolverase de 2025 a 2027 en todas as dioceses, incluída a compostelá.
En especial, falouse da necesidade dun discernimiento, á luz da Doutrina Social da Igrexa, de acontecementos recentes e de como actuar como Igrexa ante sucesos como os incendios recentes, o cambio climático ou o xenocidio en Gaza.
O encontro finalizou cunha chamada para camiñar xuntos e xuntas na diocese, e coa invocación ao espírito da oración do sínodo universal.












