Baixo o lema «Museos unindo un mundo dividido», este ano a Fundación Catedral de Santiago programou diversas actividades ao redor do Día Internacional dos Museos, que cada ano se conmemora o 18 de maio. Este ano, a iniciativa vén promovida co obxectivo de dar difusión aos centros integrados no proxecto Compostela Sacra, é dicir, o Museo Catedral, o MuSar-Museo Colexiata de Sar e o Museo Diocesano.
Neste sentido, celebraranse xornadas de portas abertas, alén de visitas guiadas e unha nova actividade de debuxo. Trátase, en definitiva, de dar a coñecer e difundir o inmenso legado que atesoura a Igrexa compostelá, así como o importante traballo de conservación e difusión do patrimonio que se realizada desde a Fundación Catedral.
En concreto, a Colección permanente do Museo Catedral de Santiago será de acceso gratuíto durante todo o 18 de maio; e ao 11.00 h realizarase unha visita guiada á importante colección de tapices que conserva, principalmente dos séculos XVI, XVII e XVIII. Ademais, como novidade este ano, organizarase unha visita guiada ao Pórtico da Gloria, a súa cripta e o adxacente Espazo Mestre Mateo, onde ao finalizar, permitirase permanecer un tempo para poder debuxar pezas do artista medieval, como, por exemplo, os reis David e Salomón ou o antigo rosetón da fachada da catedral.
Pola súa banda, o MuSar – Museo Colexiata de Sar, tamén será de acceso gratuíto o luns 18 de maio, e ao 16.30 h haberá unha visita guiada polos seus espazos, que incluirá tanto o claustro como a igrexa no seu percorrido. Entregarase, ademais, como obsequio, unha pequena guía sobre a figura de Bernardo II, cuxo sepulcro se atopa na igrexa, sendo o máis antigo conservado dun prelado compostelán.
Para rematar, o Museo Diocesano organiza visitas guiadas os días 19, 20, 21 e 22 de maio, ao 12.30 h, o que permitirá non só percorrer as salas do recentemente inaugurado museo, senón tamén acceder á igrexa de Santo Martín Pinario, co seu coro de madeira, e á monumental sancristía.
As visitas guiadas ao Museo Catedral e ao MuSar realízanse coa colaboración das empresas compostelás Doira e Secchi, especializadas no ámbito turístico.
DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS 2026
Museo Catedral de Santiago
Luns 18 de maio.
-10 h a 20 h: Acceso gratuíto á Colección permanente.
-11.00 h: Visita guiada á colección de tapices. Inscrición previa en atencionvisitante@catedraldesantiago.es
-16.00 h: Visita guiada ao Pórtico da Gloria e debuxo ao natural de pezas do Espazo Mestre Mateo. Inscrición previa en deac@catedraldesantiago.es
MuSar – Museo Colexiata de Sar
Luns 18 de maio
-10 h a 14h / 16 h a 18 h: Acceso gratuíto e obsequio dá guía sobre Bernardo II
-16.30 h. Visita guiada. Inscrición previa en museosar@archicompostela.org
Museo Diocesano
Martes 19 a venres 22 de maio: Visitas guiadas ao 12.30 h
Inscrición previa en museodiocesano@archicompostela.org
*Actividades con capacidade limitada. Máximo 2 persoas por inscrición.












