A Catedral de Santiago divulga o proxecto de restauración do mecanismo do Botafumeiro

A Catedral de Santiago acaba de publicar un pequeno vídeo divulgativo que explica todo o proceso de restauración que serviu para recuperar o mecanismo que permite o funcionamento do Botafumeiro. Esta singular peza foi obxecto de actuacións en diferentes ocasións, aínda que esta pode considerarse a máis completa realizada, desde que fose creado en 1604.

Neste sentido, e como parte do programa de recuperación do patrimonio que promove a Catedral de Santiago, durante o ano 2024 procedeuse a restaurar o coñecido como «enxeño», o mecanismo que permite o funcionamento do Botafumeiro. Un proxecto que se executou ao longo de varios meses, no que interviñeron diferentes profesionais e expertos.

A pauta xeral foi a de devolver os elementos danados ou alterados á súa conformación e aparencia orixinal alí onde era posible, e introducir os elementos novos imprescindibles para asegurar a súa resistencia e estabilidade. Con este enfoque, retiráronse os chapóns de reforzo dos discos exteriores dos tambores, restauráronse os seus discos rotos e introducíronse discos interiores de reforzo; fíxose unha guía nova e restauráronse as demais. O eixo de aceiro endereitouse, acuñouse dentro do de madeira, e os seus extremos torneáronse; fabricáronse novos coxíns mellor axustados e introducíronse casquillos como topes ao seu desprazamento lateral. Elimináronse os repintes sobre a madeira e logrouse recuperar a policromía histórica do século XVIII.

O mecanismo que permite o funcionamento do Botafumeiro, o  enxeño, foi ideado polo aragonés Juan Bautista Celma en 1602 e é o mesmo que a día de hoxe segue impulsando o Botafumeiro. Atópase situado nunha armadura elaborada a modo de cimbra de ferro, apoiado nas catro columnas principais do cruceiro da catedral, e está composto principalmente por un eixo e dous tambores que unidos solidariamente viran en ambos os sentidos para impulsar o botafumeiro no seu voo.

Equipo de intervención:

Javier Alonso, arquitecto

Ana Castro, aparelladora

José Antonio Puente, historiador

Jesús Puente, mecánico

José Piñeiro, enxeñeiro

Manuel García, tiraboleiro

Carpintería González

Carpintería metálica Fraga

Restauración policromía, Petra

Modelización BIM e video, Reforza

Estadas Ulma e Grúas Norte

Previous articleBoletín oficial de xaneiro (2025)
Next article8 MAR | Asemblea Diocesana de Catequistas