Xornada de traballo de vigairos, delegados e directores de departamentos da Diocese

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco Prieto Fernández, presidiu este martes 15 de xullo unha xornada de traballo con vigairos, delegados e directores dos diferentes departamentos da diocese. A reunión celebrouse na Sala Palatino de San Martiño Pinario.

Tras o momento de oración, o arcebispo dirixiu un saúdo e intervención na que animou os participantes para continuar con ilusión o seu labor pastoral e administrativo. A continuación, presentouse o borrador do Plan Pastoral Diocesano 2026-2029, un documento que foi analizado en grupo para recoller achegas e propostas de mellora. Tamén se presentou o borrador do Directorio Diocesano de Iniciación á Vida Cristiá, outro dos proxectos nos que a diocese traballa para os próximos anos.

A xornada incluíu un descanso a media mañá e retomouse cunha sesión sobre pastoral, economía e corresponsabilidade. Antes de finalizar, os asistentes compartiron experiencias, esperanzas e dificultades en torno ao traballo pastoral nos novos arciprestados, así como os proxectos comúns entre distintas delegacións e departamentos.

Durante a reunión anunciouse a data da próxima asemblea diocesana, que se celebrará o sábado 15 de novembro de 2025, e na que se presentará oficialmente o novo Plan Pastoral. A xornada concluíu cunha quenda de rogos e preguntas, seguido da comida ás 14:30 horas.

Con este encontro, a diocese continúa impulsando a súa planificación pastoral de maneira sinodal, integrando a participación activa dos seus responsables na elaboración dos proxectos que marcarán o seu camiño nos próximos anos.

Previous articleComeza a Novena en honor ao Apóstolo Santiago na Catedral
Next articleO arcebispo celebra o centenario do Carmelo en A Coruña tras honrar á Virxe do Carme en Santiago e Muros