Esta mañá presentábase o resultado das obras de restauración e conservación do conxunto formado pola escalinata e reixa da fachada do Obradoiro e a cripta do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. O acto contou coa presenza do Arcebispo de Santiago, Monseñor Julián Barrio; o Ministro de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, José Luis Ábalos; o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; e o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo.
Estas obras son unha actuación do Ministerio de Transportes, dentro do Programa de Rehabilitación do Patrimonio Arquitectónico, e contou cun orzamento de 1,4 millóns, executadas pola UTE Obradoiro ( Proyecon e Emergis).
O ámbito da actuación dos traballos abarca a cripta e a escalinata coa súa reixería; tamén inclúe actuacións puntuais na parte inferior da fachada e da torre sur. Realizouse previamente unha escavación arqueolóxica de notable interese na cripta, obtendo datos inéditos que deberán ser analizadas en orde á mellor comprensión das primeiras fases construtivas da catedral, e á vez permitiu descubrir numerosas pezas escultóricas do antigo coro pétreo do s. XII.
Na cripta restauráronse paramentos e bóvedas, e colocado un novo pavimento disposto de forma que impida a afloración de humidades do subsolo. Realizáronse novas portas e xanelas, e renovouse a instalación eléctrica e de iluminación.
Na escalinata desmontáronse os tramos grandes para impermeabilizar a contorna da cripta, e realizáronse catas arqueolóxicas puntuais. Tras retirar a reixería, restauráronse ou repuxéronse os apoios rotos ou inseguros sobre os muretes de pedra que comprometían a súa estabilidade.
A reixería, que se atopaba moi danada pola corrosión, foi levada a obradoiro para o seu desmonte completo, reparación de todas as súas unións e ensamblaxes, e reposición de pezas perdidas. Unha vez recuperada a súa conformación, aplicóuselle unha imprimación protectora e unha pintura de acabado, e volto montar con fixacións emplomadas na pedra.
As actuacións completáronse con intervencións nos castilletes a ambos os dous lados da terraza, e coa retirada parcial de reforzos interiores na torre sur para facela máis accesible.
O conxunto da actuación é a prolongación natural a todos os traballos que se realizaron nos últimos anos na fachada e as torres do Obradoiro, mantendo a unidade de criterio de acordo ao Plan Director existente.
Unha vez terminados os traballos, a cripta será visitable como parte do percorrido de visita do Museo. Ademais, servirá de punto de inicio das visitas en grupo ao Pórtico da Gloria.