Peregrinación da Pastoral Penitenciaria

Este pasado sábado 1 de outubro a Catedral acolleu a peregrinación dos cárceres de España, cunha Eucaristía presidida polo Sr. Arcebispo D. Julián Barrio, acompañado por Mons. D. Fernando García Cadiñanos,  Bispo de Mondoñedo-Ferrol e responsable da área Penal da Conferencia Episcopal,  así como polo P. Florencio Roselló, Director do Departamento de Pastoral Penal da CEE. Xunto a eles uns quince capeláns e sacerdotes colaboradores.

A Xornada comezou coa confluencia de grupos procedentes de quince cárceres de toda España, no Monte do Gozo. En total máis dun centenar de internos, acompañados duns cincuenta funcionarios e outros tantos voluntarios da Pastoral Penal. Desde o pasado luns os peregrinos comezaron a percorrer as diferentes rotas do Camiño.

Desde o Monte do Gozo a familia penal dirixiuse ao Salón de Actos do ITC onde tivo lugar un acto de acollida presidido por Monseñor Cadiñanos e o Sr. Secretario Xeral de Institucións Penais D. Ángel Luís Ortiz, onde un representante de cada grupo deu un sentido testemuño. Tamén se atopaban presentes varios Directores de prisión e a Sra. Vicepresidenta da Fundación Barrié Dª. Pilar Romero. Esta Fundación colaborou cos gastos da Xornada dentro do seu programa de actuación nas prisións galegas, de longa traxectoria.

A continuación celebrouse un xantar de confraternización.

A experiencia resultou enormemente positiva para os internos e internas que tiveron ocasión de gozala, nun ambiente de sa convivencia cos valores de esforzo, solidariedade, encontro humano e espiritual, e o perdón, que o Xubileu representa.

Na invocación ao Apóstolo, realizada por dous reclusos de Mallorca pediuse a enerxía moral e espiritual necesaria para a redención persoal, así como a apertura da sociedade á dura realidade da prisión e a maior implicación desta e dos poderes públicos aos camiños de reinserción social.

O cárcere debe deixar de ser unha realidade ignorada, e ocasións como esta axudan a dar visibilidade para humanizar e normalizar esta realidade”.

Juan Redondo

 

 

 

 

 

Previous articleO arcebispo de Santiago preside os xubileus de Vida Ascendente e Pastoral Penitenciaria
Next articleCarta Pastoral na Xornada Mundial por un Traballo Decente