O nuncio da Súa Santidade en España, monseñor Bernardito Auza, impuxo a mons. Francisco Prieto o palio arcebispal

Esta mañá, ao comezo de lacelebración litúrxica da Solemnidade do Apóstolo Santiago, o nuncio da súa Santidade en España, mons. Bernardito Auza, impuxo a mons. Francisco Prieto o palio arcebispal, un distintivo que portan os arcebispos e que é símbolo da comuñón destes co Papa.
O arcebispo de Santiago recibiu o pasado 29 de xuño este palio bendicido polo Papa Francisco na Solemne Eucaristía que se celebrou na Basílica de San Pedro.
O palio arcebispal é unha faixa de la branca feita de dous años criados polas relixiosas do convento romano de San Lorenzo, en Panisperna. Estes animais son bendicidos o día 21 de xaneiro, día en que se conmemora o martirio de santa Inés, e o palio é tecido polas relixiosas benedictinas de Santa Cecilia do Trastevere. Unha vez elaborados, colócanse nun cofre de prata xunto ao sepulcro de san Pedro, no chamado nicho dos palios, onde se custodian durante un ano, polo que se consideran reliquias de terceiro grao, por contacto. A faixa mide entre 4 e 6 centímetros de ancho e está adornada con seis cruces negras, que simbolizan as feridas de Cristo, e dous orlas de seda negra. Tamén leva tres alfinetes polos tres cravos usados na crucifixión de Xesucristo. Na solemnidade de san Pedro e san Pablo, durante a Eucaristía na basílica de San Pedro, o palios son portados por varios diáconos desde o sepulcro de San Pedro e son bendicidos polo Papa —«que quen polo teu don leven estes palios recoñézanse como pastores do teu rabaño»—. Os arcebispos nomeados durante o ano, presentes na basílica, pronuncian o seu xuramento de fidelidade e obediencia á Igrexa e ao Papa. En definitiva, o palio representa a presenza de Cristo no traballo do arcebispo; é un ornamento litúrxico signo de comuñón co Santo Padre e da misión do arcebispo de ser bo pastor.
Previous articleMons. Prieto preside as Vésperas Solemnes en honor ao Apóstolo Santiago
Next articleMons. Francisco Prieto pide aos cristiáns ser testemuñas ao servizo dunha vida máis humanizada