Acollidos por Scouts de Galicia – Escultismo Católico Galego, o órgano de goberno entre asembleas de Scouts MSC (Comité Federal) reuniuse durante os días 14 e 15 de setembro nas instalacións de San Martiño Pinario coa presenza dos seus Presidentes Interdiocesanos, Delegados Diocesanos e o Consello do Movemento para reflexionar sobre a realidade do escultismo católico en España e propoñer liñas de reflexión que serán propostas aos seus grupos scout.
Esta reunión enmárcase no proceso precongresual que o Movemento Scout Católico está a desenvolver e que terá como culmen un encontro de todos os axentes educativos de Scouts MSC durante a ponte de maio do próximo 2026. Neste encontro reuniranse tanto persoas adultas involucradas no desenvolvemento do programa de mozos, como os consiliarios, representantes das familias e representantes dos mozos.
O Congreso Vega pretende ser un momento de revisión do modelo de evangelización que desenvolve Scouts MSC por todo o territorio nacional proposto no anterior Congreso Polaris, desenvolto en Toledo en 2013. Á luz do Evanxeo, e tras os cambios que a sociedade viviu especialmente nos últimos anos, os seus participantes propoñerán unha renovación dos seus procesos pedagóxicos e organizativos, sobre a base dos principios e valores establecidos por Baden Powell, fundador do Movemento Scout e de Jacques Sevin, fundador do Movemento Scout Católico.
Na mañá do domingo, Mons. Francisco José Prieto, Arcebispo de Santiago de Compostela, compartiu un momento de oración para iluminar o momento máis especial da fin de semana, unha sesión de conversación co Espírito Santo na que os participantes puideron orar para discernir a voz de Dios no silencio e a meditación.
Durante a misa celebrada o sábado pola tarde, oficiada por D. Miguel López, consiliario de Scouts de Galicia, fíxose entrega a D. José María Santos (Chema), actual Delegado Xeral desta federación, do máximo recoñecemento formativo que ten a Organización Mundial do Movemento Scout Católico, os “4 tizóns”, que acreditan a súa cualificación para o deseño de programas formativos dentro do escultismo.
O presidente de Scouts MSC, Juan V. González (Juancho), en nome do Consello e de todo o Movemento, agradece profundamente o agarimo e dedicación co que a familia scout galega e o seu Delegado Xeral recibiron e acompañaron esta reunión durante a fin de semana.












