O arcebispo destaca a importancia da colaboración para crear espazos de encontro como a Fundación Eduardo Pondal

  • A Fundación Eduardo Pondal celebra o seu 16º Aniversario
  • Mons. Francisco Prieto recibe a distinción Patrón de Honra da Fundación Eduardo Pondal

Hoxe domingo 15 de decembro, a Fundación Eduardo Pondal celebrou os seus 16 anos de existencia coa entrega de distincións de Patrón de Honra a quen foi os seus presidentes e ao arcebispo de Santiago mons. Francisco Prieto, conmemorando así a súa constitución.

Entre os homenaxeados atopábanse, ademais de mons. Francisco José Prieto Fernández, os exalcaldes José Luis Fondo Aguiar e Concha Blancoen representación de Lois García Carballido, e o actual rexedor de Ponteceso, José Manuel Mato Martínez.

Os actos comezaron ás 17:00 horas cun acto relixioso na Parroquia de San Tirso de Cospindo. Uxía Varela inaugurou o evento expresando satisfacción e convidando á reflexión, a unión e o compromiso entre os asistentes. Agradeceu a presenza de autoridades, representantes institucionais e veciños que se congregaron para lembrar a Eduardo Pondal, autor do himno galego e símbolo da identidade galega.
Uxía destacou o privilexio de reunirse ao redor de Pondal, subliñando a súa capacidade para capturar a esencia de Galicia e a súa xente a través da súa palabra. Tamén mencionou o Bautismo de Jesús segundo o Evanxeo de Mateo, resaltando a importancia deste sacramento e a súa mensaxe de humildade, identidade, misión e renovación espiritual. Neste sentido, destacou a fortuna da parroquia de bautizar a unha das figuras máis relevantes da literatura e cultura galega. Posteriormente, convidou a Sabela Nogueira a ler a partida de bautismo de Eduardo Pondal, antes de ceder a palabra ao párroco, José Manuel Varela Suárez, quen compartiu unha profunda reflexión cos presentes. José Manuel subliñou o simbolismo do bautismo de Pondal e o seu papel transcendental na cultura galega.
Nun xesto simbólico, realizou un repenique de campás en honra a Pondal, dedicándoo a diversos grupos como a xente maior, os mozos e todos os presentes no acto.

Finalmente, o arcebispo de Santiago, Mons. Francisco José Prieto Fernández, lembrou as palabras do himno galego, destacando a xenialidade da letra de Pondal. Falou sobre a importancia do bautismo e a gratitude cara ao berce onde se recibe o que se é. Mencionou o banquete de Conxo como un xesto significativo de Pondal e resaltou o seu papel na resurrección da lingua galega. E expresou a súa honra por estar presente no acto en memoria de Pondal, recoñecendo a responsabilidade de herdar e vivir o seu legado.
Despois, houbo unha ofrenda floral no monólito pondaliano e a banda de gaitas Inllar interpretou a Marcha do Antigo Reino de Galicia. A entrega de distincións comezou ás 17:30 horas, precedida da proxección dun vídeo coas actividades da Fundación Eduardo Pondal. Aquí, Uxía Varela describiu as variadas actividades da fundación, destacando o seu papel na literatura, ciencia e artesanía, e xestionando proxectos como as aulas Isidro Parga Pondal, a escola de tempo libre, o concurso de pintura Alba e a Casa da Muller.

O evento culminou co recoñecemento de Patrón de Honra no seu 16º aniversario a quen foi os seus presidentes. O arcebispo de Santiago tamén recibiu esta distinción como agradecemento pola cesión da reitoral de Cospindo para albergar a sede da fundación. Fíxolle entrega do Diploma Patrón de Honra o párroco José Manuel Varela. Mons. Francisco José Prieto, na súa intervención, destacou a importancia da colaboración entre institucións para crear espazos de encontro como a Fundación Eduardo Pondal e subliñou o valor da memoria para fundamentar o presente e mirar cara ao futuro.

 

 

 

 

Previous articleConfirmacións en Laxe
Next articleVisita de Nadal de mons. Francisco Prieto ao Centro Penitenciario de Teixeiro